sábado, 14 de xaneiro de 2017

Crumble de ananás

Dixemos que retornariamos das vacacións de Nadal con receitas saudábeis e o prometido é débeda. Arrincamos o pasado martes con eses garavanzos crocantes que tanto sorprenderon entre a comunidade bolboreteira e hoxe imos con outro prato ótpimo para compensar excesos. E si, é unha sobremesa, que tamén se poden facer saudábeis.
E aínda que non é o frecuente en nós, quixemos probar a facer unha lambetada baixa en calorías e casualmente nunca nos puxeramos co crumble, que nos causaba bastante intriga polas curiosas combinacións. Podedes imaxinar a orixe desta receita, non é? Si, provén de Gran Bretaña, parece que dos tempos da segunda Guerra Mundial cando substituíu outras receitas de torta de mazá máis sofisticadas cuxos ingredientes era cada vez máis difícil conseguir nese momento, todo o contrario que a fariña, que se racionaba mais que permitía o seu uso habitual.
É unha sobremesa á que a nós non nos resultou fácil tirarlle partido estético mais si saboroso pois entre o lixeiro, suave e rico que está desaparece nun abrir e pechar de ollos. Ademais, xa sabedes, vós podedes preparar o crumble do que gustedes, o tradicional adoita ser a mazá mais desta volta preferimos optar por unha froita que adoramos e que está moi ben de prezo ultimamente, o ananás. Imos alá!


Cumbre de ananás


Ingredientes:


Para a froita:
  • 750 g de ananás (piña)
  • 2 culleradas de azucre moreno
  • O zume de medio limón
Para o crumble:
  • 8 culleradas de copos de avea
  • 4 culleradas de fariña integral
  • 3 culleradas de auga
  • 2 culleradas de mel
  • 1 culleradas de aceite de oliva virxe 
  • Unha presa de avelás
Para decorar:
  • 1 iogur natural
  • Esencia de vainilla

Utensilios: un cazo, unha cunca, dúas culleres e un molde apto para o forno.


Elaboración:


Para comezarmos, temos de cortar o ananás en anacos pequenos. Botámolo nun cazo, xunto co azucre e o zume do medio limón. Cociñamos, a lume medio, e remexendo de cando en vez, durante 15 minutos. 



Mentres tanto, mesturamos moi ben a avea, a fariña, a auga, o mel, o aceite e a avelás picadas. Reservamos.






Cando o ananás estea listo, botámolo no fondo do molde que imos utilizar. 


Cubrimos a froita coa mestura da fariña, avea, avelás e mel. 


Enfornamos a 200º, calor arriba e abaixo, durante 15 minutos. Deixamos que arrefíen un pouco e agregámoslles o iogur mesturado coa vainilla. 

E xa estaría listo para comer! Esperamos que vos guste e que o preparedes na casa! 


A dificultade, que é algo que a moit@s preocupa xa vedes que é inexistente e o tempo de elaboración tamén moi reducido. Así que se algún está nesa mítica dieta de comezo de ano, que recolla tamén nas súas opcións pratos doces coma estes ideais para unha alimentación variada e equilibrada na que damos cabida a froita, cereais, lácteo, froitos secos, mel... Si, igual que falamos de superalimentos poderiamos falar de supersobremesa, hahaha. Agardamos que a gocedes, unha aperta bolboretei@s!

Ningún comentario:

Publicar un comentario