martes, 17 de xaneiro de 2017

Bonito en rolo

Na procura dunha dieta variada e saudábel hoxe traemos un prato impresionante a partir dun dos mellores produtos que dá norte galego, o bonito.
Co novo ano, alén de tentarmos compensar eses excesos de que falamos tamén procuramos superar algúns retos como o de cociñar con peixe pois nunca foi un un alimento co que estivésemos afeitos a traballar. Así pois, como todo é cuestión de irmos aprendendo, nesta fin de semana, que dispoñiamos algo máis de tempo, dedicamos un tempiño a coñecer como se prepara este saboroso peixe e ao facermos seguindo instrucións da grande cociñeira da casa, a mamá. 
Finalmente todo saíu a pedir de boca e decidimos compartir esta aprendizaxe con vós pois preparar este prato non resultou complexo. E aínda que o fose, merecería a pena polo goce posterior.
Arredor desta receita, lembramos unha xornada deste verán conversando co escritor Xavier Baixeras en que nos confesaba a súa paixón pola gastronomía (recomendamos entre outros o seu "Diario de comidas") e a súa fascinación polo bonito en rolo que se prepara na Mariña. E non é de estrañar. Que produto temos e que marabillas se poden realizar con el. Aquí tedes o famoso bonito en rolo. Si, da Mariña ;-)


Bonito en rolo


Ingredientes:

  • 4 lascas de bonito
  • 10 lascas de beicon
  • 1 bote de olivas
  • 1 tomate
  • 1 cebola
  • 1-2 dentes de allo
  • 3 ovos enteiros
  • 3 xemas
  • 8-10 culleradas de pan relado
  • Sal (opcional)
  • Aceite de oliva
Para a salsa: 
  • 350-400 g de tomate triturado natural
  • 1 cebola
  • 1/2 pemento vermello
  • 1/2 pemento verde
  • 1 dente de allo
  • 1 vaso de viño branco
  • 2-3 culleradas de aceite
  • Pementa moída 
  • Sal

Utensilios: unha pota grande, unha tixola, unha picadora, un plato e un garfo.


Elaboración:

Para comezarmos, temos que esfaragullar o bonito. Neste paso, temos de ter moito coidado de quitar todas as espiñas. Botámolo nun recipiente amplo, nós utilizamos unha pota.



De seguir, picamos o beico na picadora e engadímosllo.



Trituramos o tomate, a cebola, o dente de allo e as olivas e agregámolos ao bonito. Mesturamos moi ben. 





Ademais, botamos os ovos enteiros e as xemas. As xemas utizámolas para aproveitalas, xa que precisamos as claras para rebozar os rolos. 

Engadimos o pan relado, mesturamos ben e imos facendo os rolos. Se vedes que a masa está demasiado branda, botade máis pan relado. 

Batemos un pouco as claras e rebozamos os rolos nelas e fritímolos en aceite de oliva até que se douren ben por todos os lados.  

Mentres tanto, preparamos a salsa. Trituramos os tomates (ou podedes mercar tomate triturado, a cebola, os pementos e o allo.


Botamos no fondo da pota dúas culleradas de aceite e engadimos as verduras. 






Cando os rolos estean dourados, engadímolos á salsa. 


Agregamos o viño, unha pouca de pementa moída e un chisco de sal. Nós cociñamos nunha pota rápida e tardou 20 minutos, aproximadamente; porén, se os facedes nunha pota normal, tardará 40-45 minutos a lume medio. 



Pasado ese tempo, xa estaría preparado para comer! Agardamos que vos guste e poñades esta receita en práctica! Como esta elaboración leva un pouco de tempo, podedes facer de máis e despois meter no conxelador, que é como facemos nós, e así cando nos apeteza, témolos á man 😉.


Quedamos contentísimos con esta elaboración tan histórica na nosa casa e que, agora, por fin, pasa ás nosas mans ao tempo que a compartimos con vós pretendendo dar vivacidade a un prato tradicional de grande honra. 
Agora ben, recomendamos, en caso poder, contar cun bo bonito como o chegado do Porto de Burela. A diferenza é evidente e habedes quedar do máis satisfeit@s e orgullosos coa vosa creación. A por ela. Ficamos á espera de novas vosas. Unha aperta!

3 comentarios:

  1. Gorentosos! Outra receita espectacular! Conxeládelos fritidos e coa salsa? Ou crus?

    Eu non vos son moi de beicon.... notaríase moito a súa falta?

    Grazas!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitísimas grazas polo teu comentarios, Alberto. Conxelámolos (se nos sobra algún 😉) co resultado final, coa salsa.
      Sen a panceta talvez queden uns chisco máis secos pero coa salsa soluciónase ben. Ou podes substituír por xamón tamén.
      Unha aperta!!

      Eliminar
  2. Bo e necesario blogo que paso a ligar.
    Que aproveite !.

    ResponderEliminar