Na procura dunha dieta variada e saudábel hoxe traemos un prato impresionante a partir dun dos mellores produtos que dá norte galego, o bonito.
Co novo ano, alén de tentarmos compensar eses excesos de que falamos tamén procuramos superar algúns retos como o de cociñar con peixe pois nunca foi un un alimento co que estivésemos afeitos a traballar. Así pois, como todo é cuestión de irmos aprendendo, nesta fin de semana, que dispoñiamos algo máis de tempo, dedicamos un tempiño a coñecer como se prepara este saboroso peixe e ao facermos seguindo instrucións da grande cociñeira da casa, a mamá.
Finalmente todo saíu a pedir de boca e decidimos compartir esta aprendizaxe con vós pois preparar este prato non resultou complexo. E aínda que o fose, merecería a pena polo goce posterior.
Arredor desta receita, lembramos unha xornada deste verán conversando co escritor Xavier Baixeras en que nos confesaba a súa paixón pola gastronomía (recomendamos entre outros o seu "Diario de comidas") e a súa fascinación polo bonito en rolo que se prepara na Mariña. E non é de estrañar. Que produto temos e que marabillas se poden realizar con el. Aquí tedes o famoso bonito en rolo. Si, da Mariña ;-)