martes, 20 de setembro de 2016

Berinxelada

Aínda nos estamos repoñendo dos éxitos dos Pastéis de Belém, que se converteron xa nunha das publicacións máis lidas da historia de Bolboretas no bandullo. E iso que coa lectura da receita non viña un bocado de agasallo, senón sería unha verdadeira loucura.
Mais coma sempre, tentamos equilibrar a alimentación e despois do exceso (porque non pensedes que só comimos un pastel…) chega o prato saudábel da semana. E como insistimos a cotío, saudábel non significa “non saboroso”, ao contrario e ademais, sempre presenta o extra de “sentirte moi ben” após comelo, haha.
Pois, hoxe optamos pola berinxela como produto estrela. Actualmente é moi sinxelo de encontrar en todas as froitarías do país e mercados, aínda que no noso territorio non se adoita cultivar. Está vinculada nas orixes á India e curiosamente non tiña moi boa fama posto que causou problemas dixestivos, seguramente por descoñecemento culinario. O termo provén do persiano e do árabe que deu as variantes berenxena, recollida e adaptada do español, e berinxela, coincidente co portugués.
O que aquí fixemos foi un pastel superpondo capas e na que queríamos resaltar a berinxela. O demais é cuestión de argallar co que hai na casa, recoller ideas doutras receitas que seguen un esquema similar e procurar o mellor sabor posíbel. A ver que vos parece!


Berinxelada 


Ingredientes:


  • 2 berenxenas
  • 250 ml de salsa de tomate
  • 80 g de San Simón relado
  • 1 bola de mozzarella
  • Alfábega fresca
  • 2 culleradas de pan relado
  • 1 culleriña de alfábega seca
  • 1 culleriña de romeu
  • 1 culleriña de coandro
  • Pementa moída
  • Sal
  • Un chisco de manteiga

Utensilios: unha prancha, unha cunca, unha culler, unha mandolina (ou táboa e coitelo) e unha fonte apta para o forno.


Elaboración:


Para comezarmos, temos de lavar e cortar en finas lascas as berenxenas. Salpimentámolas e facémolas na prancha. Reservamos.


Mentres tanto, mesturamos a salsa de tomate coa alfábega, o coandro e o romeu. 


Estendemos a manteiga sobre a fonte para o forno, para que non se peguen os ingredientes. 


Despois, botamos un fina capa de salsa de tomate. 


Cubrimos cunha boa capa de berenxenas. 


Cubrimos as berinxelas con máis salsa de tomate. 


Agregamos unhas follas de alfábega fresca, cortadas en anacos. 


Engadimos unha pouca da mozzarella e queixo San Simón ao gusto. 



Repetimos o proceso, máis berinxela, tomate, alfábega, os queixos. Para finalizar, cubrimos isto con outra capa de berenxena e o resto da mozzarella.


Mesturamos o resto do queixo San Simón co pan relado, e botámolo cubrindo toda a superficie. 


 Enfornamos a 200º, calor arriba e abaixo, durante 30-35 minutos.


 E xa estaría preparada para comer! Agardamos que vos guste. 


Aquí temos unha persoa que é fan das berinxelas e outra que non o é tanto. Porén, os dous desfrutamos inmensamente de cada bocado pois a verdura principal xoga co resto de elementos, tamén moi destacábeis, e que non permiten que nada estea por estar nesta berinxelada. De feito, cremos que esta opción pode ser moi interesante para integrar novas verduras para @s máis peques, que tenden a se resistir algo. Veredes, desfrutarán cada bocado tanto como os maiores! 
Aquí vos deixamos, agardando saber da vosa posta en práctica e dos resultados. Unha forte aperta, bolboreteir@s!

5 comentarios:

  1. Uummmmmmmmmmmmmm como casi ya es la hora de cenar vete poniendome un platin de esta maravillosa bereinxelada seguro que esta de muerte relenta no lo siguiente.
    Como siempre receta ,fotos y post de 20 points.
    Bicos mil wap@s.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitísimas grazas, guapa!! Seguro que che encantaría 😉😉😍

      Eliminar
  2. Vouno facer con risella (queixo de arroz vegano tipo mozzarella). Xa vos contarei!!! :-)

    ResponderEliminar