sábado, 17 de setembro de 2016

Pastéis de Belém

Fin de semana e chega con el a receita dunha das grandes marabillas gastronómicas que probamos no último ano. Estamos a falar dos famosos Pastéis de Belém, un símbolo da repostaría lusa e especialmente de Lisboa. Neste verán, após visitar o Algarve, paramos em Lisboa, cidade marabillosa na que nunca estiveramos até o momento. E como non, achegámonos até o bairro de Belém para, principalmente, probar os sonados pasteis. Ollade como foi a experiencia na famosa fábrica a carón do Mosteiro dos Jerónimos que entramos para comprar media ducia deles para probar e, cando saímos, metímoslle o dente a un deles e tivemos que volver á tenda para coller outros tantos. E iso que había cola e cola para entrar. Mais merecía a pena.
Xa teñen un longo percorrido, desde 1837 cando se comezou a preparar nos anexos do dito mosteiro uns pasteis que rapidamente colleron sona, sobre todo entre a xente que chegaba en barco, xa que no momento a distancia até Lisboa era máis notábel. De todas formas, se quixerdes saber máis da historia destes doces que xurdiron como resistencia dos traballadores expulsados do mosteiro, podedes consultala aquí.
Ollade pois, unha receita histórica!


Pastéis de Belém


Ingredientes (para 12 unidades):

  • 1 lámina de follado
  • 500 ml de leite
  • 250g de azucre
  • 1 ovo
  • 5 xemas
  • 50g de fariña
  • A pela dun limón
  • 1 pau de canela


Utensilios: un cazo, unha culler, un rolete, papel de forno e moldes para madalenas.


Elaboración:

Para comezarmos, temos de aromatizar o leite. Para iso, fervémolo co pau de canela e coa pela do limón. Cando ferva, retiramos do lume e quitamos a canela e o limón. 


Mesturamos a fariña co azucre e ímosllo engadindo ao leite xa aromatizado. Mesturamos moi ben. 


Deixamos que se atempere 10 minutos e engadimos o ovo enteiro e as 5 xemas. Mesturamos moi ben. 


Deixamos que arrefríe mentres preparamos o follado. Estiramos un pouco a masa e enrolámola sobre si mesma. 


Cortámola en pequenos anacos que iremos colocando no molde. 


Estirámola coa axuda das mans até cubrir todo o molde. Se for necesario, cortamos o sobrante. 



Reenchemos o follado coa crema. 


Enfornamos a 220º, calor arriba e abaixo, durante, aproximadamente, 18 minutos. Deixamos arrefríar un ouco e xa estarían listos para comer! 


Agardamos que vos gusten e que poñades en práctica a receita. 


Se somos sinceros estabamos algo temerosos. Non sempre hai a seguridade de que todo vai saír ben. Mais é que neste caso estabamos a tentar imitar unha receita segreda que supostamente é inigualábel. Con todo, o resultado sorprendéunos gratamente posto que percibimos que o sabor se asemellaba moitísimo, especialmente na textura da crema e no sabor.
Estamos contentísimos co resultado pois descubrimos que non temos que agardar a visitar Lisboa para saborear esta delicia senón que cun pouco de tempo o podemos facer na casa. Que sorpresa con eles! E que mellor que acompañar a degustación coa lectura de Pessoa. Aí xa tocamos a perfección, haha. Apertas, amig@s!

2 comentarios:

  1. Estos past1eles son mi perdicion es hacerlos y desaparecer no duran nada ,ahora ya los hago en version tarta por que acabo antes al igual que con las magdalenas que las hago en un molde de bizcocho y listo jajajaja vaya lambones somos .
    Te han quedado de relujo y seguro que estarian de rexupete yo me llevo uno virtual ya que no puedo meter la mano y llevarmelo , bueno en parte quizas sea mejor asi por que no te dejaba ni uno jajaja.
    Como siempre receta ,fotos y post de 20 points.
    Bicos mil wap@s.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Que boa idea o da torta, non se nos ocorrera!! Para a próxima xa sabemos, hahaha! A verdade é que son uns pasteis deliciosos!!
      Bicos 😍😍

      Eliminar