sábado, 12 de decembro de 2015

Tronco de Nadal

Se non o estaba aínda, damos xa por comezada a etapa de receitas natalicias. Iremos recuperando nas redes sociais as dos anos anteriores e iremos presentando tamén novos pratos da época. Porque xa sabedes o que desfrutamos das larpeiradas de época, e nesta hai moitísimas a elaborar, sen termos porque depender tanto dos supermercados. Xa sabedes, na casa podemos conseguir turróns, polvoróns, mazapáns e demais moito máis saborosos.
E por iso hoxe dámosvos unha idea máis para a sobremesa de Nadal, que vén tendo moito éxito en Reino Unido, Francia e no norte de Europa desde hai ben anos. Con todo, este tronco non sempre foi comestíbel xa que na orixe consistía unicamente nun tronco de madeira decorado que se deixaba arder durante toda a xornada do 25 de decembro. Mais xa vedes que acabou por procurárselle unha solución máis larpeira tentando manter eses trazos tan característicos da árbore. Hai moi diversas formas de elaborar o tronco, principalmente referidas ao recheo, mais nós optamos por unha versión bastante tradicional e que garante éxito. 
"La Buche de Nöel" constitúe un peche final para a cea de Noiteboa ou ben para o xantar do 25. Será imposíbel quedar cun mellor sabor de boca.

Tronco de Nadal

Ingredientes:

Para o biscoito:

  • 80 gr de fariña
  • 80 gr de azucre
  • 4 claras de ovo
  • 2 xemas de ovo
  • Reladura de limón
Para o recheo e a cobertura:
  • 400 gr de chocolate de cobertura
  • 250 gr de manteiga
  • 150 gr de azucre
  • 1 cullerada de ron
Para decorar:
  • Figuriñas típicas do Nadal (bastóns de caramelo, figuras de chocolate...)
  • Azucre glas (opcional)
Utensilios: unha bandexa de forno, papel de forno, un batedor eléctrico (ou manual), un garfo, unha cunca (ou cazo), un pano de cociña e unha fonte para presentar.

Elaboración:

Para comezarmos temos de facer o biscoito. Primeiro, batemos as xemas co azucre. 


De seguir, engadimos a fariña e mesturamos ben.


Engadímoslle as claras, que deben estar montadas a punto de neve.


Estendemos unha capa da masa sobre a bandexa de forno cuberta con papel vexetal. Enfornamos a 190º, calor abaixo e ventilador, durante 13-15 minutos. Despois, tapamos cun pano húmido para que non se seque mentres preparamos o recheo. 


Para o recheo, temos que derretir o chocolate no microndas ou ao baño maría. 


Engadímoslle a manteiga, tamén derretida, e o ron e mesturamos moi ben.  



Reservamos un pouco de chocolate e cubrimos as 3/4 partes do biscoito con el. 


Con moito coidado, enrolamos o biscoito sobre si mesmo e colocámolo sobre unha bandexa de forno de rede e esta sobre unha bandexa normal para poder botar o resto do chocolate por riba. 


Coa axuda dun garfo, facémoslle formas para imitar o tronco da árbore. 


Colocámoslle as decoracións que escollemos e deixamos que endureza o chocolate. 


Pasamos o tronco ao prato ou molde escollido. Se queremos, podemos empoar con azucre glas para darlle un toque nevado (a nós esqueceunos este paso) e xa estaría preparado para comer!! Agardamos que vos guste!


Xa vedes que se come mesmo cos ollos. Mais alén de ser atractivo esteticamente, resulta unha marabillosa sobremesa. Xa vedes que optamos pola figura de Papá Noel para completar a decoración. Aínda que é certo que nos gusta esta figura por ser a ilusión de tempos infantís, mais gustariamos de termos a opción de tirar proveito de materiais do noso Apalpador. Mais xa sabedes como están as cousas... Esquecemento do propio... Mais ben, sexamos tod@s felices, que veñen datas de nos xuntar e celebrar en compaña. 
Pasade unha boísima fin de semana. Apertas, amig@s!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario