martes, 8 de decembro de 2015

Bolboreteando con... Miguel Borines

Sempre presentamos a sección de Bolboreteando con… coa máxima alegría e non é para menos xa que contamos coa colaboración de figuras salientábeis da nosa cultura, mais non iso, senón que son persoas ás que admiramos moitísimo e que deciden perder un pouco de tempo con estas preguntas que nos facemos coa máxima da curiosidade. Preguntas, coas que pretendemos atender tamén á curiosidade dos lectores e lectoras, claro, motivación principal desta sección e do blogue en xeral.
E hoxe achegámonos á escena galega e ao audiovisual cun dos grandes actores galegos, que conta cunha traxectoria teatral espectacular e que está a roubarnos o corazón desde a pantalla con Serramoura desde fai case ano e medio. Hoxe está connosco Miguel Borines.
Aínda que seguramente moitos xa o coñezades como Moncho, por ese papel cargado de forza e sentimentos na mellor serie televisiva do momento, Miguel Borines vén traballando exitosamente no campo teatral desde comezos dos 80 percorrendo grande parte do territorio galego e non só. Desde logo que a súa é xa unha figura mítica do ámbito dramático galego, no que deixa grandes representacións que viñeron axudando á consolidación deste xénero, cada vez máis menospreciado polas autoridades e institucións políticas.
Miguel Borines estivo precisamente de aniversario este domingo, cumpríndose 56 anos da súa chegada ao mundo en Vigo. Cursou estudos de Filoloxía Románica na USC e xa nestes anos se integrou no teatro universitario. Con todo, comezou a traballar na banca até que tomou a decisión de se dedicar á súa verdadeira paixón, a dramaturxia. Desde entón ten traballado en numerosos espectáculos de títeres coa compañía Tanxarina Títeres, a Compañía Matarile ou a Compañía Produccións Teatrais do Sur. Tamén como actor teatral participou en numerosísimas obras, algunhas clásicas como “Os vellos non deben de namorarse” de Teatro do Morcego, onde encarnou as personaxes de Carabinero, Demo e pai de Pimpinela. Non se pode esquecer o seu labor no ámbito audiovisual, facendo parte de filmes tan exitosos como “Los lunes al sol”, de cortametraxes como “O derradeiro grolo”, encarnando o xuíz inquisidor no fermoso videoclip de Astarot, "María Soliña", con personaxes en series como “Los hombres de Paco”, “Pratos Combinados” ou as “Leis de Celavella” ou a recente Serramoura.
E canto ao último traballado por Miguel, recomendamos encarecidamente o visionado da curtametraxe “Rancor” (algo máis de información na páxina de Facebook), ambientada en Sarria e na que se tratan sentimentos como o que dá nome á curta cun notábel dramatismo, no que Borines é un verdadeiro especialista, acompañándose de actores como Santi Romay, Mara Sánchez ou María Mera. Tamén está a levar a parte do estado español, a peza “A casa do avó” de Cándido Pazó, coa compañía Tanxarina, coa que xa triunfou en grande parte de Galiza, obtendo críticas moi positivas. 
Sexa como for, merece ben a pena sempre desfrutar do traballo de Miguel Borines, e como non, das súas palabras nesta nosa sección:

  • Mil grazas, antes de nada Miguel por te prestares a pasar un bocado do teu tempo respondendo a estas entrevista, que sabemos que ha de encantar a tod@s aqueles/as que a lean xa que nos achegaremos un pouquiño a unha figura admirada da dramaturxia e audiovisual galego, que adoita presentarnos personaxes cheos de forza e sentimento e que poñen en voga o labor deste noso actor. Miguel, antes de nada, imos cunha pregunta directa, o que supón para ti a gastronomía? Rutina, supervivencia, ou algo máis?
    • Home, para alguén que coma mín, anda moito na estrada dun lado para outro, sería aconsellable diferenciar entre o feito de comer sen máis, cousa que me acontece moito: paras onde chega a fame, no primeiro, ou no segundo sitio que atopas; e só te preocupa que sirvan máis ou menos rápido, e que a comida estea máis ou menos boa. Cando se trata de “sentarse a comer”, onde entran en xogo a calidade, a compañía, o desfrute , os sabores, a escolla do que queres comer e todo iso .... a alimentación convértese nunha actividade moito máis grata: social,cultural, xeográfica, gastronómica...
  • A pesar de que estás a chegar a través da televisión a milleiros de fogares co teu papel en Serramoura, habituamos a desfrutar das túas actuacións en moi diferentes territorios da Galiza, e non só? Supoñemos que isto tamén conleva un privilexio á hora de coñecer os mois diversos recunchos da propia nación, non?
    • Pois sí, é certo; se non fora polas funcións Galicia arriba-Galicia abaixo con TANXARINA, difícilmente podería ter un coñecemento tan certeiro do país. Moitas veces, para chegar a algún lugar, aínda tes que andar por vellas estradas que atravesan carballeiras máxicas; subir o cumio de montañas de onde divisas a serpe que debuxan os ríos; atravesar neboeiros fantasmagóricos para acabar nunha praia luminosa.... A verdade é que é un privilexio vivir na nosa terra. Pensóo moitas veces cando baixo pola estepa de Castela!!
  • Permiten tamén estas xiras coñecer máis da propia cultura e da propia gastronomía, non si? Tes no maxín algún prato inesquecíbel ou algunha zona que te sorprendese desde o punto de vista alimenticio nunha destas visitas teatrais pola Galiza?
    • Xa sabedes o que dín: “non se come coma en Galicia”, “E para comer: Lugo”... moitos dos ditos e refráns nosos teñen que ver coa comida. A calidade dos producto é o que chama moitas veces a miña atención. Hai máis de 40 anos que eu non como carne, e sempre me din:”entón qué raio comes??”. Pois respostando a pregunta, teño unha lista inmensa: un atún fresco con tomate en Burela; unhas patacas e grelos de Sarreaus con calquera cousa, un sargo ao forno ben servido en Arcade; unha caldeirada de coruxo en San esteban, un polbo en Ourense ou no Carballiño.....
  • Miguel Borines logra expor o sentimento na máxima expresión sen caer no esaxero. Tod@s nos conmovemos ultimamente coas bágoas de Moncho diante das recentes desgrazas familiares en Serramoura mais tamén coa tenrura da súa figura. Como gustamos das comparacións e dos xogos metafóricos, que dous alimentos ou pratos exaltarías ti teatralmente para representar unha traxicomedia gastronómico-simbólica?
    • Pois igual trataría de darlle un pouco de humor a situación tan tensa e potencialmente destructiva que estamos vivindo agora arredor do Mediterráneo, poñendo a dialogar un cus-cus ou un tajin de verduras ben magrebís cun hachis parmentier ou unha ratatouille franceses, a ver se comendo e sorrindo aliviabamos un pouco o asunto. E se fora preciso, aínda fariamos entrar no terceiro acto un bó tiramisú italiano para rematar ben alto a función!
  • Temos curiosidade por saber, iso si, con que pratos se emociona Miguel Borines.
    • Son daqueles que asocian moito a comida aos lugares nos que a desfrutei. Afortunadamente no meu traballo viaxo moito e con frecuencia a emoción asáltame cando se combinan fantásticamente as duas cousas: comer pupusas de millo, vendo volcáns verdes e salvaxes ata donde alcanza a vista na Boca do diablo no Salvador, mandarlle un ceviche de “conchas” tumbado nunha hamaca da Praia da Liberdade, un tajin vexetal na praza de Chaouen, en Marrocos, un bacallao frito con patacas no porto de Salónica, en Grecia, unha pasta ao pesto rodeado de titiriteiros coma min en Quartu Santa Elena, en Cerdeña......
  • Cremos que hai unha peculiar división social entre aquelas familias que xantan vendo a tv e aquelas que prefiren facelo sen ela, tendo os dous sectores razoamentos lóxicos. En cal te sitúas? 
    • Cando como nun restaurante deses á beira da estrada, gústame ver as noticias na tv: é como matar dous paxaros dun tiro. Noutras ocasións, ou mesmo na casa, prefiro non sentarme diante dela, ou como moito escoitala dende a cociña. Eu vivo só, e non rexen moito no meu caso os “hábitos familiares”
  • Algunha gastronomía do mundo que admires profundamente e á que recorras con certa frecuencia?
    • Digamos que recorro con frecuencia a pratos de diferentes gastronomías que forman parte da miña dieta habitual. Prácticamente só como cousas que me gustan e teño preferencia polas texturas doces: humus, guacamole, peixe (galego, a poder ser), cus-cus, cremas, purés...... Tamén as miñas ensaladas son coma romerías galegas: podes atopar de todo alí dentro: verduras, froitas, sementes, encurtidos, afumados...
  • Sempre gustamos moito de realizar esta pregunta, mais cal é a túa madalena de Proust, que bocado te transporta a tempos pasados inmediatamente? 
    • A miña avoa, una peixeira do porto de Vigo, de toda a vida; cando viña de fin de semana a miña casa en Redondela, ademáis de marisco e peixe, sempre traía para min unha bolsa de cacahuetes. Daquela tiñan un tostado especial, artesán, moi aromático, diferente ó que se fai hoxe e eu pasaba a tarde baleirando a bolsa, e acompañando os manises con pan!. Cando viaxando, sobre todo por Latinoamérica, descubro ese aroma e ese sabor, pareceme estar na casa, sábado pola tarde rillando neles coa miña avoa ao lado vendo a tele!! 
  • O teatro galego vive tempos complicados e o que supuxo en comezos do pasado século berce de novas ideas e forzas culturais galegas (recordamos o labor teatral impulsado polas Irmandades da Fala), parece estar hoxe no punto de mira dun ataque directo á nosa cultura. Cres que estas trabas se deben unicamente á crise económica?
    • Definitivamente non. Se a crise económica explicase todo, non tería sentido gravar toda actividade cultural cun 21% de i.v.e. e os artigos de luxo só cun 4%.! A lóxica parece indicar que debería ser ó contrario. Pero non son lóxicos os criterios de quen considera a formación cultural do individuo coma un gasto superfluo e innecesario, de quen afirma que as materias que forman parte da nosa formación humanista (historia, filosofía, arte, literatura...) “distraen” do que é “verdadeiramente importante”. Desafortunadamente hai criterios e decisións que danan seriamente á cultura, máis aló de disquisicións puramente economicistas.
  • Cres que podemos entender como cultura galega aquela afastada do idioma propio?
    • O idioma é a producto máis elaborado dunha cultura; o ingrediente principal do seu caldo; a raiz da que medran tódolos demais froitos: políticos e culturais. Un país con fala de seu agroma institucións, literatura, música e tantas outras manifestacións propias. Non entendería coma cultura galega aquela que se afastase da súa principal razón de ser. Excepcionalidades hainas: unhas máis agradables para min, como podería ser Valle-Inclán; e outras máis antipáticas, así tipo Cela. Pero son iso: raras avis, que non distraen do asunto do que falamos.
  • E xa para rematar e nos despedir…Miguel Borines é dos que sempre deixa sitio para a sobremesa ou dos que degusta os pratos principais sen pensar máis alá?
    • Son de pouco comer, en canto a cantidade me refiro, e un tantiño lambón.... Así que podemos dicir que sí, que se a sobremesa sedúceme, fago os meus cálculos na dose que me sirvo.....!!!

Vivindo no bairro de Catapeixe, na ensenada da Illa de San Simón, en Redondela, de onde son os millores chocos de Galicia (non en van aos redondeláns chámannos “choqueiros”) a miña receita non podía ser outra: 

CHOCOS NA SÚA TINTA 


Ingredientes (para 4 persoas): 
  • 8 chocos de Catapeixe (tamaño mediano) 
  • 1 Cebola 
  • 1 dente de allo e ½ pemento bermello (opcionais) 
  • ½ onza de chiculate negro 
  • ½ copa de viño branco (opcional)

Preparación: 

Dorar a cebola (o allo e o pemento) con pouco aceite nun recipiente mediano. Cando estea transparente engadir os chocos xa limpos e ós que lle retiramos a tinta previamente. Deixar dorar os chocos e que solten a súa propia auga. Cando estea moi quente engadir a tinta cun pouquiño de auga e sal, e tamén, se queremos, o viño branco. Tarda arredor dunha hora en facerse. Un pouco antes de rematar rallar o chiculate sobre os chocos. 

Disque a tradición redondelá de botarlle chiculate ós chocos iniciáronna as monxas do lazareto de San Simón cando viñan os barcos con cacao de América. Sen dúbida facíanno polas súas propiedades energéticas e reconstituíntes. 

Excelentes acompañamentos son o arroz branco ou tamén as patacas fervidas. Un dente de allo na cocción séntalles moi ben.




Xa vedes que quen ten arte, tena, para actuar, para conquistar @s espectadores ou para elaborar un saboroso prato. E Miguel Borines, é todo un artista. Non podemos estar máis contentos de todo o que aquí nos deixa contado, que gardaremos como pano en ouro, mais non para nós sós, senón que ficará aquí para o lerdes cando quixerdes. Só vos podemos animar a acudirdes sempre ao teatro, máis aínda cando por alí se pase Miguel.
E unha vez máis, e para nos despedir, dámosche mil grazas, Miguel, por ser tan amábel desde o momento en que che propuxemos esta colaboración, prestándote a todo tipo de preguntas. Por coñecermos persoas así, adoramos esta sección. Agardamos que vos a desfrutedes tamén ao máximo. Unha aperta a tod@s! Lémonos!

4 comentarios:

  1. Vida eterna par esta sección!!
    Pedro

    ResponderEliminar
  2. Ains pero que tiron de orejas tenias que darme te puedes creer que no conocia a este actoe como a muchos otros pues en casa no vemos la tv practicamente y la tvg es rarisimoooooo que se vea asi que estoy pez en la programacion que hay actualmente ,fijate que en casa de los suegros de mi hermano que viven en Ponferrada si que la ven vamos el Luar el viernes es sagrado alli jajaja seguro que ellos estan al tanto de quien es este actor.
    Me he encantado la entrevista asi como los chocos en su tinta seguro que estan deliciosos como todo lo que haces.
    Bicos mil wapa.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitísimas grazas! Unha das razóns de facermos esta sección é dar a coñecer personaxes importantes da nosa cultura!!
      Alegrámonos que che guste!
      grazas por estar sempre por aquí!
      Bicos

      Eliminar