martes, 15 de decembro de 2015

Bolboreteando con... O Leo

Unha nova entrada da sección Bolboretando con... Xa vedes que estamos collendo ritmo despois de tela un tempo parada, mais non esquecida, xa que había tempo que estabamos traballando na colaboración de novas figuras da nosa cultura como a que hoxe presentamos: O Leo ou como o coñecemos polos seus espectáculos: O Leo i Arremecághona!
Con convidad@s como o Leo podemos agardar o que faga falta, verdade? Morriamos coas ganas de contar coa súa presenza en Bolboretas no bandullo desde que comezamos cos Bolboreteando. Quedamos capturados cun dos seus "shows" xa polo 2008, na Facultade de Filoloxía da Coruña e desde aquela vimos seguindo a súa traxectoria, polo que para nós é todo un orgullo telo aquí connosco hoxe:
O nome que está por detrás do proxecto do Leo i Arremecághona é Leonardo Fernando Campos, nado na parroquia viguesa de Matamá no 74. Algúns coñecerano por esa faceta musical presentada sempre co atractivo e sorprendente nome, mais o Leo, ao igual que o seu homónimo italiano do século XV, caracterízase polo seu labor polifacético cargado de orixinalidade e rupturismo na procura do impacto no espectador. Música, poesía ou didáctica son algúns dos campos en que se move o Leo, sendo na realidade un axente moi activo na difusión e normalización da cultura galega e da nosa lingua, da que el leva por bandeira permanentemente a gheada, seseo e en xeral a fala do pobo a conservar e valorar.
A súa traxectoria musical, que podemos definir como punk, comeza xa hai dezaoito anos no II Félix Rock de Vigo e un ano despois dá un salto ao abrir as actuacións do sonado Albert Pla en diferentes puntos de Galiza. Nese mesmo ano tamén sae o seu primeiro disco, Suspiros de Kaña, do que distribuiría mil copias el mesmo. Desde os seus inicios, o Leo participou en diversos festivais, pezas teatrais, actuacións en pubs ou festas populares realizadas en Galiza e non só. As súas versións de clásicos galegos e mundiais como Suso Vaamonde, Batallán ou John Lennon fican xa no recordo así como as súas vestimentas folclóricas ou algunhas das súas performances máis sonadas como "Soy tu perra", "Bilingüismo harmónico" ou "Cançión popop".  
Máis tarde preparou o seu segundo disco Aghomita, campión, co espectáculo vinculado en directo Sigho (Vivo)! e xa no 2007 publica o seu primeiro traballo literario Hai cu, editado por Xerais e cuxo nome parte dun blogue da súa propia autoría. Do cu e do seu nome, non foxe, senón que logra a reflexión poética máis atraente mantendo a vea punk ao tempo que se aproxima ao haiku xaponés.
Na rede sempre veu tendo moita actividade, non so co blogue senón tamén coa participación en webseries como "Non saímos do lixo" ou diversos vídeos musicais (véxase o mítico Eu nunca serei yo).
En definitiva, un artista como un mundo co que desfrutar e rir a partes iguais que vos recomendamos moi moi encarecidamente e que se descobre realmente adentrándose nas súas creacións, sendo isto pouco máis ca unha lixeira aproximación e un empurrón para saber máis del. Aquí vai a agardada entrevista ;-)


  • Grazas Leo por faceres un oco para perder un pouco de tempo connosco e cos lectores falando de gastronomía e algo máis. Coñecímoste alá polo 2008 na facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, nun espectáculo inesquecíbel. Desde aquela imos seguindo o teu sempre novidoso e creativo labor artístico. “Quen non inventa, non vive” dicía Ana María Matute, e por tanto estamos segurísimo que o Leo vive, e vive moitísimo. Mais, esa tremenda capacidade creativa está tamén orientada a outros ámbitos da vida como a gastronomía?
    • Pois a verdade é que si, que me gusta cociñar, inda que case nunca o fago por falta de tempo, coma tododiós, supoño, do choio normalmente non chego á casa até as 3 como pouco e o único momento do día no que non se me pode falar é nese, cando estou esfameado facendo de comer, mosquéome moitísimo. Pero nas vacacións si que cociño con gusto, vou á praza de abastos e tal, mólame moito o peixe e teño unha verduleira de confianza.

  • Cremos que es unha persoa que valora o pasado e a tradición como corresponde mais sen ficar atrapado nela, renovándose constantemente. Así pois, prefires a cociña tradicional, da moderna, ou daquela que fusiona ambas as dúas?  
    • Son máis da tradicional, pero mólanme as ensaladas creativas, por exemplo. Son moito de ensaladas e claro, enseguida se gafa un da mixta ou da famosa vexetal que leva atún, coma se o peixe non fose un becho. E logho tamén morro polas espinacas e aínda máis polas acelgas, vaia manxar. E os petiscos atrevidos tamén me meten curiosidade. Un pouco de todo, non sei. 

  • Gustamos moito dunha cita do gastrónomo francés Brillat-Savarin, que di “o destino das nación depende da súa maneira de comer”. Non cres entón que a nosa nación leva xa agardando demasiado polo destino que merece? 
    • Claramente, si. Aínda que son anarcoindependentista, como xa teño dito, e realmente penso que x galegx inventou un certo xeito de que x deixen en paz, igual o ben que se come aquí tamén ten que ver coa nosa falta de ardor revolucionario dos últimos cen anos... Non esquezamos que o do acoirazado Potemkin empezou co da carne podre... Si, tamén son marxista e rusófilo. 

  • Ti que sobre o escenario te vemos tan atrevido, teslle respecto a algunha receita/alimento á hora de cociñares ou mesmo de comeres? 
    • Teño unha bulla de toda a vida coa coliflor, incluso cando me resolvín a comela tenme sentado mal. Do resto como de todo. Vaia, un colega, o Poldo, fíxome a mítica de non me avisar do wasabi nun xaponés de Sao Paulo e flipei un pouco, si. Pero envieino. E son o típico seareiro que enceta a botella do licor do lagharto nos botellóns... pero iso xa ten que ver máis coa dipsomanía ca coa gastromanía. 

  • A madalena de Proust do Leo… 
    • O moloko con chai da Laranxa mecánica. Pero o que realmente me transporta e me fai sorrir por dentro é o cheiro da flor da laranxeira na boca do vran. Son moito de cheiros. De pequeño berrábanme por levalo todo ao nariz. Pero en canto ao sabor, o queixo con marmelo que miña avoa a Sara nos puña os domingos cortado en dadiños.
  • Unha festa gastronómica da Galiza… 
    • As revenidas de Vilaxoán sen dúbida. É como lles chaman alí ás sardiñas asadas. 
  • Nalgún dos teus concertos temos desfrutado das túas definicións para os tres membros da tríade literaria do XIX como a poppy, o heavy e o punky. Atreveríaste a identificalos con tres pratos? Arriscado si… haha 
    • hahaha. Mi ma. A ver... Rosalía, é un festín, ten de todo. Unha figura realmente clásica pero con mil caras. As mil ensaladas posibles, por exemplo. Pondal xa un rollo máis holligan, ponlle aí un cocido da Estrada con de todo. E Curros unha arrasadeira, a sobremesa collida da árbore ou da viña ou da silveira sen tempo a murchar, coma a vida e a xuventude e a revolta. 
  • Cres que a globalización, tamén gastronómica, pode chegar a ser unha ameaza para a nosa identidade alimenticia ou neste ámbito si temos o material necesario para resistir o que nos boten? 
    • Creo que nos alarmamos demasiado en xeral polos gustos ou máis ben tendencias dxs adolescentes, e esquecemos que é a etapa (non as persoas) máis influenciable da vida. Eu vin os maiores alienados da miña xeración tomando as tazas no furancho vinte anos despois. Pero si, é unha ameaza moi seria. E hai que dar a batalla.
  • Canto te subes a un escenario ou a unha palestra, vemos humor e sátira desde o primeiro momento, mais tamén verdades incitando á reflexión crítica. A transcendencia talvez non sexa a mesma mais… que alimento che daría xogo para algunha das túas actuacións ou poemas? [no caso de xa existir algunha mil desculpas…] 
    • Pois mira, precisamente estou escribindo sobre iso unha segunda parte de Rural Love, unha canción de exaltación da vida no rural, que vai por fascículos. O primeiro vai de sexo salvaxe. Esta segunda parte vai da comida, todo tipo de marabillas alimentarias da aldea con moitas chiscadelas sensuais. 
  • Como docente de galego e formador de adolescentes cres que debemos facer os esforzos necesarios para achegar o galego a aqueles ámbitos máis próximos aos mozos e mozas (véxase repostaría creativa ou sagas vampíricas por exemplo), aínda que foren modas pasaxeiras, ou centrarnos en consolidármolo nos ámbitos máis relevantes da sociedade? 
    • Todo é necesario para a lingua, pero en xeral penso que perdemos demasiado o tempo e os cartos de normalización coas modas. En todo caso estou a favor da tradución colaborativa pirata incluso de novidades editoriais e miña irmá é unha gran reposteira e vende tortas pola Internet. 
  • E para finalizar con estas nosas curiosidades que agardemos sexan tamén de interese para @s demais e agradecéndoche non o suficientemente a túa colaboración, unha última cuestión. Imaxina que estás ante a última oportunidade de degustar comida galega antes de perdermos totalmente a nosa identidade. Que prato estaría no teu punto de mira? 
    • Miña nai sempre me dicía de pequeno que xa debía levar o meu peso consumido en chourizo. Adoro o chourizo. Sobre todo o que se fai na casa. Poucas veces volvín probar aquel especial que se facía na miña cando era cativo e que agora boto tanto de menos. Só nalgunhas casas do sur de Pontevedra se segue a facer así. Tamén adoro Ourense, sobre todo a montaña e os seus embutidos. Eu creo que un chourizo deses.

lentellas de combate

ingredientes:

  • 1 vaso de lentellas pequenas, raza “pardina”
  • ½ cebola
  • 2 cenorias
  • 2 chourizos
  • 1 tira de 1 cm de touciño entrefrebado cortada en dados
  • sal
preparación:

déixanse as lentellas de mollo do día anterior, ou no meu defecto, antes de saír a fume de carozo para a carnizaría máis próxima que feche ao fío das 2:00 pm. quítase a auga de mollo e bótanse 4 vasos de auga nova. co lume ao máximo, bótanse as cenorias en rodelas e a cebola picada e o sal. Cando ferva empezamos a contar até 30 min. seguramente cumprirá ir retellando con vasos de auga extra a vontade, dependendo do espesas ou augadas que as queiramos. mentres tanto, cortamos os chourizos e o touciño nun prato e botámoslle salsa de tomate por riba até que queden ben cubertos. Pasada a media hora da fervedura, bótase a carne e báixase o lume pra que ferva a lume lento 10 min máis. Apágase o lume e déixase repousar outros 5 min entre as protestas iradas do resto dxs compañeirxs de piso. sérvese cabisbaixo e facendo un propósito de emenda que será mellor recibido a medida que o condumio pase a facer parte dos corpos.
repetir o proceso á semana seguinte.


A ver quen lle chama a este profesor aburrido...  E despedímonos cuns dos seus versos e agardando poder desfrutar canto antes dun novo espectáculo. Adoramos, O Leo!

Fraseoloxía
@ que ten cu ten medo
pero @ que só mira para o seu cu
vai de cu e costa arriba


Conversamos, aprendemos e desfrutamos co Leo e coa súa orixinalidade. Desde logo, quen necesite revisar o concepto de artista, recomendarémoslle pasar por unha actuación de quen aquí colaborou. Arte, arte "sensu lato". Queda pois, agradecer unha vez máis, e todas as que fagan falta, ao Leo por perder un pouco do seu tempo con estes larpeiros e por nos contar o caso das súas saborosas lentellas. Necesitabamos fotografía con opción á proba, mais na verdade, a explicación e o resultado dan boa proba do éxito. E si, para elaborar unhas lentellas como corresponden, algo de arte hai que ter tamén.
Agardamos que gustásedes do artigo/entrevista/receita de hoxe. Xa vedes que neste mes estamos con moitos agasallos, hahaha. Unha fortísima aperta!! (Aí vos queda un dos últimos traballos do Leo, de agasallo: Rural love)

4 comentarios:

  1. Pues tampoco conocia a Leo y no dudo lo mas minimo que verlo sea lo mas de lo mas ,la entrevista me ha encantado es amena y divertida que suerte tienen sus alunnos de tenerlo como profe.
    Las lentejas seguro estan de rexupete yo tambien las he echo hoy para comer pero sin el chorizo que a mi hijo no le gusta , es un plato que se presta pues admite mucha variedad de ingredientes.
    Una vez mas es un placer venir a visitarte y disfrutar de tu maravilloso post , gracias por darnos a conocer a estos artistas de la tierra.
    Bicos mil wapisima.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. A verdade é un grande!!
      Si, para nós as lentellas tamén son un grande recurso!!
      Grazas a ti por estar por aquí sempre!!!
      Bicos

      Eliminar