martes, 10 de novembro de 2015

Luriñas e castañas en mollo de millo

Tranquil@s, que xa regresamos cunha nova receita. Xa sabemos que algúns e algunhas xa andabades impacientes por non saber dun novo prato así que despois do artigo gastronómico do pasado sábado, hoxe presentámosvos unha nosa creación diferente en que ten cabida o produto estrela do outono, a castaña, que amamos tanto que tememos constantemente pola súa fuxida invernal. Degustámolas de todas as formas posíbeis, aínda que no prato de hoxe queriamos facer unha homenaxe á castaña cocida, utilizada durante séculos como sustento alimenticio en Galiza, utilizado con moitísima frecuencia, xa for como elemento principal, ou como gornición, tal como nós fixemos aquí.
Comparte pois, protagonismo nesta receita coas luriñas e cun mollo de millo dificilmente comparábel con calquera outra salsa pola súa dozura. Estamos perante un deses pratos completos, dignos de constituír un menú por si só cun rotundo éxito.

Luriñas e castañas en mollo de millo


Ingredientes (para 4 persoas):
  • 16 luriñas
  • 4 dentes de allo
  • 1/2 culleriña de romeiro
  • 1/2 culleriña de aneto
  • Pirixel ao gusto
  • Catro culleradas de aceite de oliva
  • Dúas culleradas de viño branco
  • Un chisco de sal
Para o mollo de millo:
  • 300 gr de millo doce
  • 1 vaso de auga
  • 1 cullerada de manteiga
  • Pementa moída
  • Sal
Para o acompañamento:
  • 16-18 castañas
  • 1 pemento vermello
  • 1 cebola
  • 2 dentes de allo
  • Auga
  • Aceite
Utensilios: cunca, prancha/tixola, cazo, batedor eléctrico, culler e coitelo.

Elaboración:

Para comezarmos, temos que pór a macerar as luriñas. Para iso, lavámolas e colocámolas nunha cunca cos dentes de allo picados, o romeiro, o aneto, o pirixel, o viño, o aceite e un chisco de sal. Mesturamos ben e deixamos repousar, como mínimo, 2-3 horas. 


Pasado ese tempo, facemos o mollo de millo (que podemos ter feito con anterioridade). Derretemos a manteiga nun cazo e engadímoslle o millo.


Dourámolo un pouco, botámoslle pementa moída e un chisco de sal e o vaso de auga.


Deixamos cocer durante 10-12 minutos e trituramos co batedor eléctrico. Reservamos. 

  
Mentres tanto, aproveitamos para cocer as castañas peladas en abundante auga durante 20 minutos, Pasado ese tempo, quitámoslle a capa de pel marrón e picámolas. Reservamos tamén.



Da mesma forma, mentres preparamos o anterior, rustrimos dous dentes de allo en dúas culleradas de aceite. Cando se comecen a dourar, engadimos o pemento e a cebola cortados en xuliana. Cociñamos a lume baixo até que estean brandos. 


Cando o mollo de millo, as castañas e as verduriñas estean case preparadas. Cociñamos as luriñas, xunto co adobo que lle fixemos co allo e as especias, na prancha, a lume medio, durante 5-7 minutos, até que se cociñen polos dous lados.










A continuación, servimos as luriñas acompañadas dunhas castañas cocidas, unhas verduriñas e salseadas cun mollo de millo que lles dará un toque moi especial e saboroso. 


Nós, para completar o prato, fixemos unhas patacas ao forno con parmesano, das cales teredes a receita proximamente.


Que apetencia! Que gorentoso se ve este prato capaz de lle quitar a fame a calquera coa combinación de produtos que semellan ben diferentes mais que se harmonizan á perfección. 
Era a primeira volta que faciamos un mollo así co millo, que na verdade, tampouco é un dos nosos alimentos preferidos. Unha vez lograda a salsa, probamos e non nos convencía moito. Porén, unha vez agregada ás luriñas, cobrou unha dimensión inimaxinábel, ficando escandalosamente saborosa! 
Xa sabedes, aproveitade que aínda temos castañas para lles sacar todo o proveito, tamén como gornición, e animádevos con marabillas tan completas coma esta (froitos secos, verduras, cereais, peixe/cefalópodo, tubérculo...) Que máis se pode pedir? Carne? Non, á OMS non lle gusta, haha. 
Apertas saborosas, amig@s!

6 comentarios:

  1. Uummmmmmmmm como tenia que estar ese plato de luras de muerte relenta no lo siguiente te ha quedado de relujo. ademas es muy completo no le falta de nada.
    Bicos mil wapa.

    ResponderEliminar
  2. queda un plato de lujo! y que ganas de sopetear pan, bicos

    ResponderEliminar
  3. Qué bó este prato! A miña nai cando o meu irmán e máis eu fumos pequenos, facíanos guiso de castañas, neses malos tempos nos que ó mellor tiñamos que sustituir a carne de tenreira por este froito. A min non me facía moita gracia, porque eu pensaba en castañas e me viña á mente o cheiro delicioso de cando se asan ou se cocen, pero era o que había e miña nai non se andaba polas ramas, tiñamos que comelo guiso e punto e pelota hahaha

    Encantoume lembrar vellos tempos coa vosa receita!

    Bicos grandes!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Hahahahaha! O tempos á hora de alimentarnos cambiaron moito!!!
      Que ben que te fixéramos voltar á infancia!!!
      Bicos!

      Eliminar