sábado, 28 de novembro de 2015

Boliños integrais de allo e mozzarella

Xa fin de semana! Tardaba, verdade?? Para nós esta foi unha semana moi boa así que tampouco tiñamos moita présa por que remara, mais si é verdade que sempre agardamos impacientemente polo sábado para vos traer unha nova receita. E hoxe toca unha nova larpeirada, non por doce, senón porque cremos que só con maxinala, xa se nos fai a boca auga...
Vimos hai tempo en Youtube unha receita en inglés similar a esta e decicimos preparala xa que existe algo mellor que eses produtos que gardan un centro de queixo que se derrete na nosa boca ao meterlle o dente? E si, nesta receita, o queixo obtén o protagonismo, aínda que se acompaña moi ben dunha masa integral e toque allado, que sempre se fai imprescindíbel.
Que tal os vedes para acompañar un pouquiño de pasta? Mmmmm...

Boliños integrais de allo e mozzarella


Ingredientes (para 20 boliños):

Para a masa:

  • 300 gr de fariña integral
  • 200 ml de buttermilk 
  • 70 gr de manteiga
  • 1 cullerada de allo en po
  • 1 culleriña de cebola en po
  • 1 culleriña de lévedo en po
  • Un chisco de azucre
  • Un chisco de sal
Para o recheo:
  • Unha bóla de mozzarella
Para pintar os boliños:
  • 30 gr de manteiga
  • 1 dente de allo
  • 1 culleriña de ourego
  • Un chisco de sal
Utensilios: unha cunca grande, un vaso, un garfo, papel vexetal, papel transparente, un coitelo, un cazo e un pincel.

Elaboración:

Para comerzarmos temos de preparar o buttermilk, se é que non o encontramos no mercado. Para iso, botámoslle a 200 ml de leite, unha cullerada de zume de limón, mesturamos ben e deixamos repousar 10 min para que espese un pouco; e xa estaría listo. 


A continuación, mesturamos a fariña, o azucre, o sal, o allo e a cebola. 


Removemos ben e engadimos a manteiga. 


Agregamos o buttermilk e mesturamos moi ben coa axuda das mans até obter unha masa homoxénea. 


Envolvémola con papel transparente ou metémola nunha bolsiña de plástico e refrixeramos durante 10-15 minutos. 


Estiramos a masa coa axuda dun rolete. 


Cortámola en cadradiño, máis ou menos iguais, e colocamos, sobre cada un, un anaco de mozzarella. 


Tapamos a mozzarella e, coa axuda das mans, facemos pequenas boliñas tentando que queden ben seladas para que no forno fuxa o menos queixo posíbel.

Forneamos a 200º, calor arriba e abaixo, durante 18 minutos. Non vos preocupedes se se escapa algo de queixo, xa que é normal. 


Mentres se temperan un pouco, preparamos o "glaseado" para pintalos. Botamos nun cazo a manteiga, o ourego, o allo moi picadiño e o sal. 


Quentamos até que se funda toda a manteiga. 


Coa axuda dun pincel, pintamos os boliños. 


E xa estarían preparados para comer!! Pódense tomar tanto quentes coma fríos, estarán deliciosos das dúas formas ;) 


Nós, que somos un pouquiño lambóns, collimos unha bolsiña e fomos para o cinema con estas delicias. Non sabedes canto mellor non se ve así un filme, haha. E iso que nós somos moitísimo de flocos de millo, mais isto é outro nivel, hehe.
Xa sabedes, cando hai receitas tan saborosas, pódenselle dar mil e un usos. Esta queda desde xa nas vosas mans. Pasade unha fin de semana inmellorábel. Unha fortísima aperta, amig@s!

4 comentarios:

  1. Que marabilla! Grazas por incluír o integral nas receitas! ;) Un bico grande!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. A verdade é que cada vez somos máis de integral e ademais é moito máis saudábel!
      Outro bico para ti e grazas!

      Eliminar
  2. Te han quedado de relujo y me imagino lo riquisimos que tienen que estar otra receta que me llevo a mi carpeta de pendientes seguro que en casa seran un exito.
    Bicos mil wapa.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Pois xa nos contarás que tal! Se non se acabaran, mandábache un para que probases!! Bicos e grazas!

      Eliminar