martes, 1 de decembro de 2015

Patacas en flor ao parmesano

Pataqueir@s, estades list@s?? Ultimamente estades de sorte en Bolboretas no bandullo porque estamos tendo unha tempada moi moi pataqueira. E iso que, na verdade, somos máis de pan, postos a comparar os dous grandes acompañantes nos menús galegos.
Mais claro, é que as patacas son tan manexábeis para a elaboración de receitas, que resulta complexo non caermos na tentación de recorrer a elas de pouco en pouco. De feito, aínda non hai moito que presentamos as Papas San Miguel, que tiveron moi boa acollida.
E así ha de ser tamén coas de hoxe, tanto polo sabor, como polo formato de presentación, un tanto diferente, xa que optamos por preparalas nuns moldes de madalenas. Si, si, lestes ben, haha. Evidentemente, este paso non é necesario para desfrutar delas, mais si queriamos darlles unha volta para as presentar no prato dun outro xeito, ocupando menos espazo na procura da verticalidade. Aí vos vai.


Patacas en flor ao parmesano


Ingredientes (para 10 flores):

  • 5-6 patacas
  • 50 gr de manteiga + 5 gr
  • 40 gr de queixo parmesano
  • 1 cullerada de allo en po
  • 1 cullerada de tomiño
  • Un chisco de pementa moída
  • Un chisco de sal
Utensilios: unha cunca grande, coitelo ou mandolina e moldes para madalenas.

Elaboración:

Para comezar, remos de cortar as patacas en lascas, o máis finas posíbel, coa axuda dun coitelo ou unha mandolina. Sazonámolas co allo, o queixo, a pementa moída, o tomiño, o chisco de sal e os 50 gr de manteiga derretida.



Mesturamos moi ben e reservamos un momento.


Engrasamos os moldes co resto da manteiga, podémolo facer coas mans ou cun pano de papel.


Facemos pequenos montóns coas patacas e colocámolas en cada oco do molde.


Enfornamos a 200º, calor arriba e abaixo, durante 45-50 minutos ou até que estean douradiñas. 


Servimos como aperitivo ou como acompañante do prato principal e a comer!!!


A forma de flor non se aprecia tan ben na foto como na realidade. E o sabor tampouco, claro, haha. Mais recomendámosvos probar unha vez canto menos este novo estilo de cociñar as patacas para vermos canto dan de si estes tuberculos. Deliciosos.
Ademais, con esta receita comezamos un mes moi especial, que vai estar cargado de sorpresas xa que entre outras cousas, aproxímase o aniversario de Bolboretas no bandullo e estamos a moi pouco de chegar aos 1000 seguidores na páxina de Facebook. Estade moi atent@s, porque ides ter un papel moi importante ;-)
Desfrutade da nova receita e deste último mes do ano. Apertas, amig@s!

2 comentarios:

  1. Soy muy pataqueira lo reconozco hay veces que mi hijo y yo las hacemos con beicon y nata en el microondas para cenar no te digo mas jajaja.
    Tomo nota de estas te han quedado divinisimaaaaaaaas y seguro estan de rexupete me encantan todos los ingredientes.
    Bicos mil wapa.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Que ricas!! Nós tamén somos bastante pataqueiros e hai que probar a facelas de mil formas, hahaha!!
      Grazas guapa!

      Eliminar