martes, 24 de novembro de 2015

Hamburguesas de cabaciña e chícharos


Boas, bolboreteir@s! Xa andamos por aquí despois da exitosa receita desta fin de semana, mais tamén calórica, claro, non o podemos negar. Entón, a pesar de que tiñamos outras receitas para publicar, decidimos optar pola que consideramos máis proveitosa despois dun exceso larpeiro. Unha hamburguesa totalmente diferente ás que facemos normalmente ou ás que mercamos por aí, e que conforma unha opción inmellorábel para integrar verduras na alimentación d@s peques, e tamén na nosa, claro está.
E habedes de ver, que sendo saudábel, tamén é unha auténtica delicia, cun sabor moito máis cremoso e suave das habituais, desfacéndosenos na boca a cada bocado.
Como ben sabedes, talvez a recomendación en que todos estamos de acordo, é que debemos levar unha alimentación moi variada. E aí, esta hamburguesa cumpre perfectamente a súa misión, xa que nos dá pé a desfrutar da cabaciña e dos chícharos dunha xeito sorprendente. Ollade!

Hamburguesas de cabaciña e chícharos




Ingredientes (para 6 unidades):
  • 1 cabaciña grande (ou dúas pequenas)
  • 2-3 culleradas de chícharos en lata
  • 50 gr de queixo relado
  • 6 culleradas de pan relado
  • 1 ovo
  • Ourego 
  • Sal
Para acompañar (opcional): pan de hamburguesa (temos a opción de facelo caseiro receita aquí, recomendábel!), unha lasca de queixo, cogomelos á prancha, lascas de tomate e cebola. 

Utensilios: un relador, un prato e unha grella.

Elaboración: 

Para comerzarmos, temos de lavar moi ben a cabaciña. Despois relámola, pel incluída xa que é onde están a maioría das vitaminas. 


De seguir, engadimos os chícharos. 


O ovo.


O queixo relado, podendo escoller o que máis vos guste.


O pan relado, un chisco de sal e ourego e mesturamos moi ben.


Coa axuda das mans, dámoslles forma de hamburguesa. Non vos preocupedes se quedan algo pastosas xa que ao pasar pola grella, obterán maior consistencia.


Agora temos dúas opcións. Ou empaquetalas e conxeladas para telas preparadas para outra ocasión, ou rustrilas na grella polos dous lados e comelas no momento. Tede coidado ao principio ao estaren algo brandas.

Podemos comelas acompañadas de pan de hamburguesa, queixo relado, cogomelos laminados e feitos na grella, tomate e cebola (a nosa opción), ou, senón, podedes acompañar con patacas fritidas, arroz, ensalada... ou co que máis vos apeteza ;)


A nós encantounos e non podemos máis que recomendármola encarecidamente, posto que cremos que descubrimos con esta elaboración unha hamburguesa moi saborosa e moi saudábel a partes iguais. O queixo, coma sempre, xoga ese papel tan importante de unión e cremosidade. 
Animádevos pois, a elaborar esta xoia e contádenos as sensacións coa primeira dentallada que lle metades. Aseguramos a sorpresa :-) Unha fortísima aperta, lambonciñ@s!

2 comentarios:

  1. Uummmmmmmmmmm como me tientas nunca las he comido y no dudo sean una delicia que pena no poder llevarme un plato para la cena ,te ha quedado una hamburguesa de relujo.
    Bicos mil wapa.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Para nós tamén foi a primeira vez e foron todo un éxito, seguro que non tardaremos en repetir. E estamos pensando en probar con outras verduras a ver que tal quedan... haha!!
      Bicos

      Eliminar