martes, 8 de setembro de 2015

Torta clafoutis de amoras

Estades tod@s xa? Pois imos cunha nova receita, feita en base a un dos produtos de tempada, deses que nos levan irremediabelmente a tempo de nen@s en que pasabamos tardes enteiras collendo nas amoras máis grandes e escuras. Para esta larpeirda non fixeron falta moitas amoras, e menos mal porque parece que xa viñeran a elas antes... Ademais, recollímolas nunha das paisaxes máis fermosas de Viveiro, no paseo da Xunqueira, onde precisamente se celebraron as festas esta fin de semana.
A pesar de que sempre saímos con algunha que outra rascada das silvas, recoller amoras ten algo de especial. Aínda recordo cando xogabamos a facer "viño" con elas de peques e a xuntar cantas máis se puidese... Desta volta, foi para elaborar unha torta de orixe francés que se adoita realizar con cereixas, mais como agora xa non quedan, preferímolas facer cun dos alimentos silvestres máis saborosos. E non sabemos como quedará con cereixas, mais con amoras... perfecta! Ollade:

Torta clafoutis de amoras


Ingredientes:

Para a base:
  • 200 gr de galleta
  • 120 gr de manteiga
Para o recheo:
  • 250 gr de amoras
  • 150 gr de azugre
  • 100 gr de fariña de améndoas (ou de trigo)
  • 40 gr de manteiga
  • 350 ml de leite
  • 4 ovos
  • 1 chisco de sal

Utensilios: molde baixo, bolsa plástico e rolete (ou picadora), cazo (ou microndas), cunca, batedor. 

Elaboración: 

Comezamos a receita triturando as galletas, ou como nós fixemos, meténdoas nunha bolsa de plástico e esmagándoas cun rolete.

Posteriormente, metemos nunha cunca a cantidade de manteiga requerida para a base e derretémola no microondas até que a vexamos líquida. Así pois, mesturamos estes dous ingredientes coa axuda dunha culler de pau, por exemplo. Cando notemos ben integrados os ingredientes, estendemos a masa ben repartida polo molde e apertamos coa man para que quede ben compacta e uniforme. Metemos no frigorífico mentres elaboramos a outra parte da torta.

Collemos unha cunca grande, botamos os ovos, o sal, o azucre, o leite e a fariña de améndoas e mesturamos até ficar un líquido homoxéneo.

Sacamos a base do frigorífico, e colocamos as amoras por enriba ao voso gusto. Xa vedes que nós a cargamos bastante. A continuación, engadimos os 40 gr. de manteiga en pequenos anacos.

E vertemos finalmente o noso recheo por riba. Recoméndovos xusto antes de o botar, darlle outra volta para que non se creen capas.

Enfornamos a 180º, calor arriba e abaixo, durante aproximadamente 40 minutos e deixamos arrefriar para proceder a desmoldar a torta. 

Canto máis fría mellor sabe, aínda que se vos coincide facela con pouco tempo para o xantar ou cea, non vos preocupedes, xa que se pode degustar tamén sen estar fría.

Ñam, ñam. Dá gusto só mirar para ela. Imaxinade meterlle o dente... O froito que utilizamos convértese clave no medio do recheo, en que a fariña de améndoa  lle dá un toque tamén ben especial. Para @s que vos gusten as tortas ben húmedas e frescas, esta é a vosa. Iso si, se a queredes facer tamén con amoras, non agardades moito tempo, que non agardan por ninguén.
Desfrutade do día, que parece que vén con sol. Unha forte aperta lambereteir@s!

8 comentarios:

  1. Uummmmmmmmmmm de muerte relenta ademas de quedarte divinisimaaaaaaaaa,no me ves pero llevo un rato haciendote la ola.
    Que pena no poder dar cuenta de un caxin aqui ahora se empeñan de echar veneno en los silvaredos y no me atrevo a coger moras llevo dos años sin hacer mermelada ni nada con ellas.
    Bicos mil wapa.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Nós este ano chegamos un pouco tarde e non conseguimos moitas, mais para esta torta déronnos, hahaha!
      Para a próxima xa te aviso e vés comer un anaco!!
      Bicos e grazas por lernos sempre!

      Eliminar
  2. Maravilloso! Gracias dedicar parte do teu tempo a compartir estas maravillosas receitas!!!!!!!!!!!!

    ResponderEliminar
  3. Se ve deliciosa! Las moras me encantan y si encima son el ingrediente de una riquisima tarta mejor

    Un abrazo

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Aquí tamén nos encantan, e son un vicio!! hahaha!
      Moitas grazas!
      Bicos!

      Eliminar
  4. Que pintaza!!! E co boas que están as amoras ;) Esta apúntoma! Outra máis para a listaxe infinita de lambonadas por facer hihihi. Apertas!!!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas grazas!! Esa listaxe nunca deixará de medrar xa que cada día descubrimos algunha máis :)
      Bicos!

      Eliminar