sábado, 15 de agosto de 2015

Compota de figos e zorollos

Bo sábado festivo lambereteir@s!! Hoxe é o día con máis celebracións en todo o país, tamén aquí en Viveiro, que estamos coas festas grandes. E para días así o que máis presta é unha boa boa larpeirada. E ademais se é tan natural e tan galega coma esta, mellor que mellor. Tan natural, que podemos dicir que foi directamente da árbore para a pota, tal cal.
Nun principio íamos facer a compota soamente de figos, mais despois pensamos en lle dar algo de cor, e procurando polas árbores, os froitos que tiñamos máis maduros eran os zorollos (xa fixeramos marmelada de zorollos), e pensamos que irían moi ben por sabor cos figos. E si, todo saíu á perfección. Iso si, se non é a larpeirada máis doce do mundo, pouco lle ha de faltar. De feito, se a algún de vós non vos gusta moito o doce, reducídelle un pouco a cantidade de azucre. Na nosa casa, como non se sabe cal é máis lambón, pouco durou. Aí vai!

Compota de figos e zorollos



Ingredientes:
  • 1 kg de figos
  • 10-12 zorollos
  • 600 ml de auga
  • 300 gr de azucre
  • 1 vaso de chopo dalgún licor
  • 1/2 limón


Utensilios: unha pota grande, unha culler de pau, un coitelo e unha cunca.

Elaboración:

Para comezarmos, temos de lavar os figos, quitarlles o rabo e cortalos en catro anacos. Reservamos.


De seguir, lavamos e quitámoslle a carabuña aos zorollos. Reservamos.

A continuación, temos de preparar o almibre. Para iso, poñemos nunha pota a auga, o azucre, o vaso de chopo dalgún licor (nós utilizamos whisky) e o medio limón.


Deixamos que ferva durante 5-10 minutos. 


De seguir, retiramos o limón e engadimos os figos e os zorollos.


Mesturamos moi ben e deixamos cocer, a lume medio, durante 45-50 minutos, remexendo de cando en vez. 


Pasado ese tempo, a compota estará máis espesa.


Para a súa mellor conservación, podemos botar a compota en pequenos tarros e refrixerámola. Así mesmo, podémola envasar ao baleiro para que nos dure máis tempo. 


Isto aproveitamos para o facer na aldea, entre que cocíamos pan e preparábamos unhas pizzas e empanadas no forno de pedra (que saboroso todo!). E xa aproveitamos a contorna para tirar unhas fotos á nosa nova receita. Antes de xantar, porque na sobremesa xa desapareceu practicamente toda. 
A compota converteuse hai moito tempo nun grande recurso da repostaría galega polo bo aproveitamento dos froitos que tiñan nas casas, e pola súa boa conservación durante tempo.
Así pois, quédavos unha idea para vos animardes cunha larpeirada moi proveitosa. Pasade boa fin de semana amig@s! 

Ningún comentario:

Publicar un comentario