sábado, 2 de maio de 2015

Macarróns gratinados con crioulo

Bo día bolboreteir@s! Como levades esta ponte? Agardamos que ben e que esteades aproveitando para cociñardes algúns dos pratos de Bolboretas no bandullo, ou ben, calquera outro. Nós, por se acaso, xa vos traemos unha nova opción. Desta volta mostrando a pasta, unha vez máis, como un dos mellores recursos gastronómicos, entre outros aspectos, polo económico, xa que podemos preparar menús moi abundantes con pouco gasto. E ademais, concédeche o favor de te esquecer de calquera complicación :-) 
Ademais, a pasta é tan manexábel e pódense facer cousas tan diferentes... A receita de hoxe leva a pasta ao forno nunha breve viaxe para a facer irresistíbel cun toque de queixo fundido e un pouco de carne de crioulo. Leva un pouquiño máis de tempo que a pasta que cocemos calquera día que temos présa para xantar, mais serve este tempo de máis para lle outorgar á pasta uns sabores que agradecemos. Aí vos vai:

Macarróns gratinados con crioulo

Ingredientes:
  • 250 gr de macarróns
  • 1 chourizo crioulo
  • 3-4 lascas de beicon de pavo
  • 3-4 tomates
  • 1 pemento vermello
  • 1 cebola
  • 1/2 berenxena
  • 2-3 dentes de allo
  • Queixo ao gusto
  • Auga
  • Aceite de oliva
  • Ourego
  • Alfábega
  • Sal
Utensilios: pota, tixola, culler de pau, picadora, fonte apta para o forno.

Elaboración: 

Para comezarmos, temos de cocer a pasta en abundante auga cunha cullerada de aceite e un chisco de sal seguindo as indicacións da fábrica. Escoamos e reservamos. 



Mentres tanto, preparamos o mollo de tomate. Para iso, trituramos na picadora a cebola, o pemento vermello e os dentes de allo. Rustrímolos nunha tixola con dúas culleradas de aceite de oliva. Podemos engadir un chisco de sal para que se fagan antes. 


Pasados 4-5 minutos, trituramos tamén os tomates e engádimolos ao rustrido anterior. Deixamos cociñar durante 20-25 minutos a lume medio. Se queremos que a salsa sexa máis líquida e non encontrar pequenos anacos de verdura, podemos, ao final, triturala cun batedor eléctrico.





Noutra tixola, fritimos a berenxena cortada en cadradiños pequenos.


Deixamos que se cociñe 3-4 minutos e despois engadimos o beicon cortado en tiras moi finas e o crioulo desfeito ou cortado finamente. 


Cando o beico e o crioulo estean cociñados engadímoslles os macarróns e mesturamos ben. 


Despois, engadimos tamén o mollo de tomate, a alfábega e o ourego e mesturamos de novo.


Botamos a mestura no molde apto para forno e agregamos o queixo que máis nos guste; nós, neste caso, utilizamos tres queixos relados (mozzarella, emmental e chedar) e uns dadiños de Arzúa-Ulloa. 


Enfornamos a 200º-210º co gratinador até que se fundan os queixos. 


E xa estarían preparados para comer! Agardamos que vos gusten!


Unha ollada a esta receita e de seguro que vos vai abrindo o apetito, sexa a hora que for. Nunca nos coincidira de preparar a pasta desta forma, así que unha vez decidido o paso polo forno, ollamos que tiñamos pola casa e que lle podería vir ben a estes macarróns. E cremos que a decisión foi acertada, xa que ficou un prato moi uniforme onde a pasta recolleu todo o sabor dos elementos acompañantes. E claro, uns macarróns con sabor a chorizo crioulo, beicon, especias e sobre todo queixo... mmmmmmm... delicioso!
A mellor forma de o comprobardes xa sabedes cal é. A cociñar :-)
Pasade un bo sábado e desfrutade desta ponte de comezo de maio! Apertas!

7 comentarios:

  1. asi gratinados al horno estan de vicio y el toque de la berenjena me encanta! bicos

    ResponderEliminar
  2. asi gratinados al horno estan de vicio y el toque de la berenjena me encanta! bicos

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Sii, totalmente de acordo contigo! Ao forno están deliciosos sobre todo polo toque do queixo e coa berenxena mmm!
      Bicos

      Eliminar
  3. Que receita máis boa! Encántame o sabor do crioulo, pero nunca se me ocorrera facelo con pasta, heino probar algún día! Unha aperta

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Alégranos que che guste!! A verdade é que están moi ricos e seguro que che encantan! É unha forma diferente de comer crioulo, haha!
      Bicos

      Eliminar
  4. Ummmmmmmmmmm los macarrones ne casa nos encanta de cualquier de manera que ricos tienen que estar con el chorizo criollo de buena gana daba cuenta de un platin , te han quedado divinos.
    Bicos mil wapa.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas grazas! Na nosa casa calquera tipo de pasta triunfa, haha!
      Apertas!

      Eliminar