martes, 5 de maio de 2015

Volcán de chocolate (Coulant)

Bo martes xente!! Hoxe é un día especial, non pola data en si, senón porque vos traemos a que posibelmente sexa a nosa sobremesa favorita. Si, coido que si o é, haha. Tiñámola pendente desde había meses, mais nesta fin de semana pasada fixemos un oco para por fin o desfrutar. Até o de agora só tiveramos a oportunidade de degustar o coulant nalgúns restaurantes, así que xa era hora de o crearmos nós.
Certo é que lle tiñamos algo de respecto, xa que esta larpeirada ten un punto para o chocolate moi concreto., fundido. Mais animámosvos e saíu... perfecto!
Esta sobremesa, de orixe francés, caracterízase precisamente por ese chocolate líquido que fica no interior e que brota polo noso prato unha vez roto o biscoito. Quen o patentou, en 1981 (como vedes bastante recentemente) foi un dos chefs máis coñecidos, Michel Bras, no seu restaurante Laguiole [3 estrelas michelín]. Para @s que coñecedes o francés, comprabaredes que o seu nome provén do verbo couler, concretamente do seu participio: fluído, derretido... Unha denominación pois, moi visual e moi axeitada. Aínda que a verdade, gustamos tanto da arxentina, volcán de chocolate. Imos con ela:


Volcán de chocolate (Coulant)

Ingredientes (para 15-16 unidades):
  • 200 gr de chocolate de cobertura
  • 130 gr de manteiga
  • 130 gr de azucre
  • 75 gr fariña
  • 7 ovos
  • 1 culleriña de esencia de vainilla
  • Manteiga e cacao en po sen azucre para engrasar os moldes

Utensilios: batedor, culler, moldes para madalenas, microndas.


Elaboración:

Para comezarmos, temos que fundir o chocolate e a manteiga e deixamos que amornen.



Mentres tanto, batemos o azucre cos ovos e engadimos a esencia de vainilla. 



Agregamos o chocolate e mesturamos ben e, despois, a manteiga. 



De seguir, engadimos a fariña, pouco a pouco, peneirada. 


Agora, temos de preparar os moldes. Engrasámolos cunha pouca de manteiga e empoamos co cacao en po. 


Repartimos masa nos moldes e agora temos dúas opcións: refrixerar unhas 10-12 horas no frigorífico ou conxelar durante 2. Tede en conta, que os podedes preparar con antelación e telos no conxelador por se algún día tedes unha visita inesperada ou mesmo un antollo. Se os conxelades, terédelos que quitar 10 minutos antes de enfornar.



Prequentamos o forno a 225º, calor arriba e abaixo co ventilador, durante 7 minutos para que vos quede o chocolate máis derretido . O tempo vai depender de como vos gusten, se vos gusta o biscoito máis feito deixádeos 9 minutos. Con todo, a clave é que fique ese chocolate fundido no interior, o que de verdade caracteriza esta sobremesa.


Normalmente, o volcán de chocolate sérvese acompañado con xeado de vainilla, mais podedes escoller o sabor que máis vos guste, ou simplemente comelo só que ben chega por si mesmo, haha.


De facermos unha clasificación lambona, esta sitúase moi moi arriba. Sinceramente, pensamos que podía ser algo máis complexa a súa elaboración mais vese que non, todo o contrario. Así que agora, aproveitaremos para degustalos moito máis a miúdo. Fáisenos a boca auga só de ollar as fotos. Non vos pasa o mesmo? Se vos resistides a esta xoia, desde logo será que tedes unha grande forza de vontade, haha. Aquí queda ao voso dispor. Unha fortísima aperta lambereteir@s! :-)

4 comentarios:

  1. Menudo volcan tan apetitoso! Qué ganas de meter la cuchara! Bicos

    ResponderEliminar
  2. Uummmmmmmmm estos volcanes tambien son uno de mis postres favoritos como buena chocolatera que soy , que pena no poder dar cuenta de ese babeando me tienes , te ha quedado de relujo.
    Bicos mil wapa.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. A min pásame o mesmo cando vexo as fotos... hahaha! Porque me encantan!
      Un bico e grazas!

      Eliminar