sábado, 9 de maio de 2015

A nosa ensalada rusa

Vemos saír un sol un pouquiño e nós xa nos emocionamos. Comezamos con pratos máis frescos e dignos dun verán caloroso que non destes días aínda fríos e mollados. A receita de hoxe havos de soar  e estamos seguros que a grande maioría de vós a preparou nalgún momento da súa vida, iso si, probabelmente con modificacións, que iso é o grande da cociña. Estamos a falar da ensalada rusa, un dos pratos que resulta frecuente encontrarmos en calquera casa e que admite practicamente de todo. De aí que poñamos como título, a nosa ensalada rusa. Difícil sería coñecer todos os ingredientes dunha ensalada rusa estándar.
No caso desta prato xa tradicional podemos dicir que si, a súa denominación é transparente e non leva a enganos canto á súa orixe xa que foi creada na década de 1860 nun restaurante popular de Moscova por Lucien Olivier. Parece ser que a receita orixinal levaba algún produto non moi económico como a carne de veado. Con todo, ao pechar o bar, perdérose os papeis desa primeira receita comezando a existir cada vez máis variantes.
Na Galiza, e tamén no estado español, é un clásico dos petiscos de bar e aquí adoita facerse con ovo, pataca, chícharos, olivas, pementos... e despois ao gusto de cada un/unha.
Iso si, parándonos en pequenos detalles, estabamos a matinar na curiosidade que supón que un prato para servir frío e que nós asociamos ao bo clima, fora inventado en Rusia... Cousas da vida...


A nosa ensalada rusa

Ingredientes (para 4 persoas):
  • 1 patata grande
  • 2 ovos cocidos
  • 2 cenorias
  • 2 tomates
  • 1 cebola grande
  • 1 lata de olivas
  • 1 lata de atún
  • 1 lata pequena de pementos
  • Chícharos
  • 3 paus de surimi
  • Maionesa (opcional) (receita aquí
  • Sal

Utensilios: unha pota, un molde, un coitelo, unha culler e un batedor eléctrico.

Elaboración:

Para comezarmos, temos de pelar e cortar en dadiños moi pequenos a pataca e as cenorias e cocelas cun chisco de sal até que estean brandiñas. Despois, escoámolas e deixamos que arrefríen. No caso de utilizar chícharos conxelados, faríamolos xunto coa pataca e a cenoria mais, nós, neste, caso, utilizámolos envasados. 









De seguir, nunha cunca, ou no mesmo molde, mesturamos o atún, os chícharos, as olivas e os pementos cortados en anacos pequenos. Reservamos algunha oliva e algún anaco de pemento para decorarmos.


 Engadimos os ovos cocidos e cortados finamente e a cebola e os tomates en dadiños pequenos.


Agregamos a pataca e a cenoria cocidas e 2-3 culleradas de maionesa. 


Agora temos de mesturar moi ben. 


Para decorala, botamos outras 2 ou 3 culleradas de maionesa e repártimolas ben por toda a superficie. Ademais, podemos colocar unhas tiras de pemento e unhas olivas. Arrefriamos durante 2-3 horas e xa estaría preparada para comer.


Tede en conta que esta é a nosa versión da famosa ensalada rusa e as cantidades son aproximadas. Se non vos gusta algún ingrediente podédelo quitar ou cambiar por outro (espárragos, gambas, xamón, anchoas, aguacate...) sen ningún problema. 
Xa vedes, non vos imos descubrir a pólvora con esta receita mais si nos gustaría que a tivésedes en conta por se algún día pretendedes cambiar algo na súa elaboración, probar outra forma, engadir novos ingredientes... Para nós a chave deste prato é a utilización do máximo número de produtos frescos no canto das típicas bolsas de conxelados e, como non, facelo con moito agarimo :-) Agardamos que pasedes unha boísima fin de semana!

2 comentarios:

  1. Jjajajaja pues a mi me ha pasado lo mismo ha sido venir el calor y salir el sol y hacer ensaladilla ,esta mañana deje cocidas las patatas , las zanahorias y los huevos antes de ir a plantar cosas a la huerta estoy deseando poder arracar algunas patatas para hacerla en casa nos gusta mucho mas con ellas nuevas .
    Te ha quedado de relujo y seguro estaba de rexupete no me llevo un platin porque la tengo en la nevera .
    Bicos mil y feliz finde wapa.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Se con patacas novas está riquísima, cos produtos da horta aínda máis ;)! Foi toda unha coincidencia, aínda que penso que na maioría da casas, cando sae un pouco o sol, faise a deliciosa ensalada rusa!!
      Grazas e unha aperta!

      Eliminar