sábado, 17 de xaneiro de 2015

Falafel

Ben sabedes que a nosa gastronomía preferida é, con moita diferenza, a galega, mais non é menos certo que adoramos probar moi diferentes produtos doutras gastronomías, xa que a fin de contas, estes din moito das propias culturas. Unha das cociñas que máis nos atrae polo diferente, e pola intensidade de sabor dos seus pratos é sen dúbida a dos países de Oriente Medio. Así que hoxe optamos por vos presentar este falafel. Unha incríbel opción para as persoas vexetarianas e para todas as persoas que procuremos unha dieta equilibrada en que teñan cabida tamén os legumes. Convén que no noso bandullo non fique marxinado ningún elemento, haha.
Parece que este saboroso prato se remonta á época do Corán e que cada vez se elabora en máis países variando algún elemento. Na maior parte dos territorios elaborase con base de garavanzos, mais en Exipto, por exemplo, fano con fabas, e mesmo en sitios mesturan os dous legumes.
Sexa como for, é unha receita que recomendamos levar a cabo pola diferenza con outros moitos pratos degustados e presentados até o momento. Un sabor moi moi intenso que serve tanto para acompañar un prato lixeiro como para actuar de prato principal. Aquí vai: 


Falafel

Ingredientes:
  • 300 gr de garavanzos crudos
  • 1 cebola
  • 2 dentes de allo
  • 1 culleriña de lévedo en po
  • 1 culleriña de coandro
  • 1 culleriña de comiño
  • 1 culleriña de ourego 
  • Aceite de oliva
  • Pementa moída
  • Sal
  • Aceite para freír

Utensilios: picadora, fonte alongada, cazo/tixola grande, papel absorbente e papel transparente.

Elaboración:

Para comezar, temos de ter os garavanzos a remollo toda a noite. Ao día seguinte, escoámolos e lavámolos moi ben e trituramolos cunha picadora. 








De seguir, trituramos a cebola, os dentes de allo, o lévedo, o coandro, o comiño e o ourego con tres ou catro culleradas de aceite, un chisco de pementa moída e un pouco de sal. Se utilizades especias frescas, quedaravos unha mestura cunha cor verde máis intensa. 



A continuación, mesturamos os garavanzos triturados con esta mestura de verduras e especias. Se tedes unha picadora grande, xa poderíades picar todo xunto e aforraríades este paso. 


Tapamos con papel transparente e refrixeramos durante 2-3 horas. 



Pasado ese tempo, facemos boliñas coa axuda das mans, temos que apretar un pouco a masa para eliminar o exceso de líquido. 


Despois, fritimos en abundante aceite bastante quente para que se doure por fóra e, de seguir, podemos baixar un pouco para que se cociñen moi ben por dentro. 


A continuación, colocámolos sobre papel absorbente para eliminar o exceso de aceite. 


E xa estarían listos para comer! Agardamos que vos gusten e que aproveite ;)!


Unha verdadeira marabailla este falafel. A nós sorprendeunos e moito. E se algún/ha de vós non gustades dos garavanzos non vos preocupedes porque non é o sabor máis notábel desta especie de croqueta/albóndiga do legume. O interesante está na combinación do garavanzo cos demais elementos e no seu resultado. E senón recordade que tedes a opción de o facerdes con fabas.
Despois dun prato tan noso como o polbo á feira hoxe saímos do país para probarmos cociña do Oriente Medio. Agardamos que este prato sexa unha sorpresa para vós e que a integredes a partir de agora na vosa alimentación. Pasade moi boa fin de semana, amig@s!!


2 comentarios:

  1. Ummmmmmmmmmm que pinta madreeeeeeeee que pena no poder meter la mano y dar cuenta de uno seguro estaba de rexupete.
    Bicos mil y feliz domingo wapa.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Para a próxima mándoche un paquetiño, haha!
      Moitas grazas polo teu comentario!
      Unha aperta!

      Eliminar