sábado, 13 de decembro de 2014

Raxo con mollo de cogomelos variados

Despois de podermos contar coa gratísima colaboración de Helena Villar na última entrada, hoxe imos cunha nova receita, que precisamente ten un elemento en común coa que a escritora nos presentou, os cogomelos. Para nós é un produto fundamental na cociña polo seu sabor e sen dúbida, temos marcado como obxectivo para o vindeiro ano profundizar máis no coñecemento deles para podermos degustar novos tipos e mesmo aventurarnos a ir por eles ao monte :-)
Desta volta, a receita non é idea orixinal nosa xa que a tiramos do libro de Isabel Llano aínda que procuramos variar algún que outro elemento, entre eles os cogomelos xa que nós fomos a polos que máis nos adoitan gustar. Ademais, xa vos contamos en entradas anteriores os múltiples beneficios dos fungos. Botádelle un ollo á receita e sobre todo, probádea porque é unha verdadeira delicia. 
Aínda que para moitas persoas, o raxo talvez non sexa a carne de maior prestixio, para nós é unha das máis saborosas e pódense facer grandes pratos con el. Así pois, este raxo con mollo de cogomelos variados tamén vos serve como prato idóneo para eses días de enchenta con motivo dun Nadal que xa se aproxima. Cando lle metades o dente ao prato comprenderedes porque volo recomendamos para eses xantares/ceas especiais ;-)


Raxo con mollo de cogomelos variados

Ingredientes:
  • 500 gr de filetes de raxo
  • 400 gr de cogomelos variados
  • 1 cebola
  • 2 dentes de allo
  • 1 vaso de auga
  • 1/2 vaso de viño branco
  • 2 culleradas de mollo de tomate
  • 2 follas de loureiro
  • 1/2 cullerada de romeu
  • Aceite de oliva
  • Sal e pementa moída
Utensilios: pota grande, culler de madeira, recipiente para servir. 

Elaboración:

Para comezarmos, temos de limpar cun pano húmido os cogomelos e cortalos en anacos. Reservamos. 



De seguido, botamos unha cullerada de aceite na pota e quentámolo, fritimos os filetes de raxo, volta e volta, para que se selen e retiramos. Cortámolos en anacos e reservamos. 



Na mesma pota, botamos outras dúas culleradas de aceite e rustrimos a cebola e o allo ben picadiños. Engadímoslles un pouco de sal e cociñamos até que a cebola abrande, aproximadamente 20 minutos. 



Neste paso, tiven un erro coa receita orixinal xa que mesturei dous pasos, mais non vos preocupedes que o resultado será o mesmo. Á cebola e ao allo rustridos, engadimos os cogomelos e o raxo e mesturamos moi ben. 




E,de seguido, o mollo de tomate e o vaso de viño branco (na receita orixinal este paso vai antes), deixamos cociñar uns 5 minutos para que se evapore todo o alcol. 



A continuación, botamos as follas de loureiro, o romeu, o vaso de auga e salpementamos. 





Mesturamos todo moi ben, tapamos a pota e deixamos cociñar a lume baixo durante, aproximadamente, 1 hora até que a carne estea terna. E xa estaría lista para comer! Presentámolo no recipiente que máis nos guste e podémolo acompañar con patacas fritidas (como fixemos nós), asadas, arror branco ou co que máis vos guste. 


Se vos entra xa polo ollo perfecto, mais este é un prato en que o sabor é moitísimo mellor aínda do que pode parecer. De igual modo en que hai outros produtos en que estética e sabor están a un nivel similar, neste non xa que o mollo ten un punto difícil de comprobarmos a través de ningunha fotografía. Escollede os fungos ao voso gusto, iso si, canto máis variados mellor, para outorgarlle ao raxo diferentes matices; deixade o raxo no seu punto e... pedazo de prato!!! Conquista a calquera! Agardo que vos guste amig@s! Pasade boa finde!


2 comentarios:

  1. ¡Adoro os cogomelos! E xa velos có raxo e esas patacas...Aaaaiii ¡non merendei e ando esfameada! Menos mal que xa toca cear... hehe... Voume para a cociña inspirada por esta receita.

    ¡Un bico grande!

    Yoly

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Hahahaha! Para nós é un prato 10! Ideal para calquera día ou mesmo para as festas, xa que é unha receita principal perfecta!! :D:D
      Moitas grazas por todo.
      Apertas!!

      Eliminar