domingo, 30 de novembro de 2014

Petit choux

Xa andamos por aquí unha outra vez, despois duns días de inactividade blogueira, que non gastronómica. Comentamos varias veces que a cociña que máis apreciamos é a galega, posibelmente polo feito de ser a nosa, mais tamén é certo que nos atrae moitísimo probar produtos de diferentes partes do mundo. Así pois, hoxe presentámosvos a nosa incursión na cociña francesa, a través destes pequenos doces feitos con masa de orixe gala. Con todo, non está clara a súa procedencia, xa que parecen existir documentos en que se menciona a Catalina de Medici como a persoa que levou a masa de Italia a Francia. O que si parece estar máis claro é que foi inventado por un pasteleiro chamado Popelini que nun primeiro momento lle daría o seu nome ao doce.
Son unha delicias de pequeno tamaño, como di o seu nome, que decidimos facer aínda máis petit para aproveitar a masa e desfrutarmos dun bo número destes pasteis.


Petit choux

Ingredientes (para 45 unidades):
  • 125 gr de fariña
  • 75 gr de manteiga
  • 3 ovos
  • Para o recheo: crema pasteleira
  • Para a decoración: chocolate con avelás
Utensilios: cazo, manga pasteleira, bico de estrela coitelo, batedor, culler de pau, papel vexetal.


Elaboración:

Para comezarmos, temos de derreter a manteiga no cazo a lume baixo para que non se queime. De seguido, engadimos a fariña, que debe estar peneirada, de golpe. Mesturamos ben até obter unha masa homoxénea. 


A continuación, engadimos, pouco a pouco, os ovos batidos até que se una completamente e se despegue facilmente do cazo.

Metemos a mestura nunha manga pasteleira, cun bico de estrela, e deixamos que arrefríe un pouco. Despois, na bandexa do forno, cuberta con papel vexetal, facemos pequenas tiras coa nosa masa e enfornamos a 220º, calor abaixo e ventilador, durante 25 minutos -o forno debe estar prequente. 


Deixamos que arrefríen mentres facemos a crema pasteleira (receita aquí). Despois, facémoslles un corte lateral aos Petit choux e reenchémolos, coa axuda da manga, de crema pasteleira. 


Por último, derretemos o chocolate, no microndas ou ao baño maría, e poñemos un pouco nalgúns pasteis. Ao utilizar chocolate con avelás, darémoslles un toque moito máis especial. 




Refrixeramos até que endureza o chocolate e xa estarían preparados para comer! Que aproveite!


Mmmmmm... que pinta, fáisenos a boca auga só de pensar no bos que están, tanto con chocolate como só con crema. Son tremendamente irresistíbeis Podédelos facer, iso si, ao voso gusto, tanto de ingredientes como de tamaño. Nós probamos a facelos petit petit, mais a seguinte vez igual os facemos xigantes, modificándolles o nome claro, haha. Ademais, tede en conta que con esta masa, podedes facer moi diferentes delicias, e non só doces, senón tamén salgadas. Así, deixamos en mente novos produtos a elaborar con esta masa lixeira, porque está... tremenda! Pasade bo domingo lambereteir@s!!

2 comentarios: