martes, 25 de novembro de 2014

Galletas de beicon e queixo

Vai chegando o mes de Nadal polo que se aproximan datas de moito cociñar e de moitas enchentas. Hoxe, traémosvos un bo recurso para estas datas. As galletas de beicon e queixo teñen moito de sorprendente e poderían actuar perfectamente como entrante neses días festivos.
Como normalmente vimos elaborando galletas doces (cookies bolachas de nata Crostatas de crema de cacao con avelás), matinamos a idea de lle dar unha volta e probar con algún produto salgado, e fomos ao seguro, o beicon mesturado con queixo, combinación típica que garante o éxito. E así foi.
Unha introdución perfecta a un magnífico xantar ou cea. Aínda que a verdade é que nós comimos con elas soas, comezamos probando unha, outra... e fartamos, haha. Aí vos van ;-)


Galletas de beicon e queixo



Ingredientes:
  • 210 gr de fariña
  • 120 gr de baicon de pavo
  • 120 gr de queixo relado
  • 100 gr de manteiga
  • 3 ovos
  • 3 culleradas de ourego

Utensilios: recipiente para a mestura, cortador de pastas, rolete papel transparente, papel vexetal e unha prancha. 



Elaboración:

Para comezarmos temos que fritir un pouco o beicon, cortado en cadradiños pequenos, e reservamos. Nós, nesta ocasión, escollimos o beicon de pavo xa que é moito máis saudábel por non levar tanta graxa e está delicioso. 











Nunha cunca ou recipiente botamos a fariña peneirada, a manteiga, a temperatura ambiente, e os dous ovos e mesturamos ben.  




De seguido, engadimos o beicon, o ourego e 90 gr de queixo. Mesturamos moi ben para incorporarmos todos os ingrediente. Envolvemos a masa con papel transparente e refrixeramos durante 1 hora. 



A continuación, estiramos a masa co rolete sobre unha superficie enfariñada até obter un grosor de, aproximadamente, 1 cm, e, con cortador facemos as formas. 




Colocámolas nunha bandexa de forno cuberta con papel transparente e pintamos con ovo batido 


Poñemos o queixo que reservamos antes sobre elas. 


Enfornamos a 180º, calor arriba e abaixo, durante 15 minutos. Tede en conta que o forno debe estar prequente. 

E xa estarían preparadas para comer! Tede en conta que nun recipiente hermético, aguantan en perfecto estado 2-3 días. 


Aquí tedes unha outra idea para cando teñades ganas de facer unha receita diferente e atrevida sen a menor das complicacións. E o importante, que saben moi moi ben. Unha outra forma divertida e gorentosa de degustar bolachas.
Por certo, xa sabedes que hoxe é 25 de novembro, Día Internacional para a eliminación da Violencia contra as Mulleres, un deses moitos días que non deberían existir e que se existe é por culpa dun dos peores males da sociedade, o terrorismo machista. Toda agresión é rexeitábel mais sobre todo aquela que deriva da misoxinia e a autocrenza dalgúns a mallar en mulleres para se sentiren superiores. Con todo, non podemos reducir o problema ao individual, a casos concretos. É un dos problemas sociais máis graves desde sempre e que se debe solucionar desde a educación igualitaria e a maior das condenas para todos os responsábeis, os evidentes e os non tan evidentes. Desde aquí enviamos todo o apoio para todas aquelas mulles que desgrazadamente o teñan sufrido nalgún momento e unha chamada de atención ao mundo para eliminar radicalmente estes casos.
Despois do comentario, despedímonos para vos desexar un bo martes e un bo xantar. Apertas!

5 comentarios:

  1. Déixovos tamén aquí o último traballo de Gaudi, "Matriarcas", moi moi recomendábel
    https://www.youtube.com/watch?v=VSuS_pdCvSE

    ResponderEliminar
  2. ¡Grazas, grazas, grazas, Diana! Pola receita tan apetitosa e tamén polo teu recordo e a túa revindicación por ese sector tan vulnerable da nosa sociedade e polos seus dereitos. Encantoume o video... ¡orixinal e emocionante!

    ¡Un bico grande e unha aperta!

    Yoly

    ResponderEliminar
  3. Uuuummmmmmmmmmmmmm seguro que esas galletas estaban de muerte relenta que pena no poder meter la mano y dar cuenta de alguna te han quedado divnisimaaaaas al igual que los roscos babeando me tienes que lo sepas.
    Bicos mil y feliz fin de semana wapa.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. hahahaha, moitas grazas! A próxima vez, avísote e vés probalos :D
      Bicos!!

      Eliminar