Ai, o que nos pasou, iamos facer unha torta para un outro aniversario, neste caso de miña nai, e resulta que lle metimos unha tallada á man sen querer, co conseguinte rego de sangue por toda a torta. Evidentemente non a iamos tirar, así que deixámola así, que máis dá. Non se comen tamén as filloas de sangue?
Bon, por sorte, o vermello que encontraredes dentro da torta non procede das nosas veas, senón que é un simple colorante con efecto sanguento para celebrarmos o Samaín ou tamén o que no estranxeiro se coñece como Halloween, aínda que non son exactamente o mesmo.
A etimoloxía do Samaín, este ano parece estar máis acertada que nunca, xa que significaba "fin de verán" Como algúns/has sabedes, esta celebración tivo un gran peso histórico na Galiza até hai trinta anos, cando foi desaparecendo en favor da celebración do Halloween que tanto se coñece en todo o mundo.
Nós que nos apuntamos a todas estas festas pois xa andamos argallando coa decoración das cabazas e na elaboración de tartas arrepiantes como a que hoxe vos traemos que espero que vos guste e que vos atrevades a facer. E se é nestes días mellor que mellor :-)
Torta sanguenta "Red velvet"
Ingredientes:
- 250 gr de fariña
- 250 gr de azucre
- 200 ml de aceite
- 1 iogur de amorodos
- 2 ovos
- 1 sobre de lévedo en po
- 3 culleradas de leite
- 1 cullerada de cacao
- cullerada de vinagre
- 1 culleriña de vainilla
- 1 culleriña de sal
- Sangue humano, ou colorante vermello no seu defecto
Para o recheo (buttercream de chocolate branco):
- 300 gr de manteiga
- 300 gr de azucre glas
- 220 gr de chocolate branco
- Colorante vermello
Para a decoración:
- Perlas prateadas (opcional)
Elaboración:
Para comezarmos con esta terrorífica torta, temos de bater os ovos até que dupliquen o seu tamaño.
Pouco a pouco, botamos o iogur e, de novo, mesturamos ben.
A continuación, o vinagre (que se utiliza para que o biscoito estea máis esponxoso) e colorante. Neste paso teredes que o ir agregando pouco a pouco até que obteñades a cor que máis vos guste.
Engadimos todos os ingredientes secos (fariña, azucre,lévedo, o cacao e o sal), pouco a pouco, e imos mesturando ben. Por último, engadimos as 3 culleradas de leite.
Pasado ese tempo, abrimos o biscoito pola metade e facemos o recheo.
Para o recheo, temos que fundir o chocolate branco, ao baño maría ou no microndas.
Deixamos que arrefríe un pouco e, mentres, batemos a manteiga e, pouco a pouco, engadimos o azucre.
Pouco a pouco, imos engandindo o chocolate branco e batemos durante 15 minutos, máis ou menos, até ober unha mestura consistente.
Dividimos esta mestura en dúas partes, unha para o recheo en branco. Estendémolo sobre o biscoito e cubrimos coa outra metade do biscoito.
Á outra metade da crema de chocolate branca botámoslle colorante vermello até obter o vermello que queremos.
Cubrimos o biscoito con ela, tanto por arriba coma polos laterais. Non vos preocupedes se manchades a fonte xa que lle dará un toque máis terrorífico. Como decoración da torta, podemos colocarlle unhas perlas prateadas.
Aquí tedes, que ben queda o vermello do sangue con ese branco, eh! A verdade é que este novo biscoito que probamos a elaborar encantounos, tanto o seu sabor, como a súa cor. É unha torta moi moi doce por esa crema de manteca e chocolate branco, mais que non se fai nada pesada, ao contrario.
O que si, din que quen a come, está a chamar a todos os vampiros da súa vila/cidade xa que cheiran ese sangue doce... Uiuiuiui, xa non sei se vos atreveredes a degustala... Nós probamos, e claro, pasou o que pasou, que agora tamén somos vampiros!!! AHHHHHHHHHHHHHHHHHHHHHHHHH
Hahahahahaha ¡Magnífica! E qué razón tiñas, entre esta tarta e os meus dedos de meiga teriamos feito unha festa de Samaín por tódolo grande!!
ResponderEliminarQuedou fermosa a tarta, Diana!
¡Unha aperta grande!
Yoly.
Hahahaha, a verdade é que si!
EliminarMoitísimas grazas polo teu comentario!
Un bico!
Maravilhoso!
ResponderEliminarObrigados 😁
Eliminar