martes, 16 de setembro de 2014

Redondo con mollo de cogomelos

E nesta finde tivemos por Cantarrana as festas coas que despedimos o verán e imos compartir con vós vós o menú que tivemos a sorte de degustar. Hoxe comezamos claro, polo prato forte, o que supoñía a base alimenticia desta comida. Proximamente traerémosvos a sobremesa, que ten como elemento principal esas amoras que estivemos recollendo, mmmmm.
Mentres tanto imos con esta carne que seguro que todos probastes e que supoño que vos encantará. É sen dúbida a miña preferida :-) Hai mil e unha maneiras de facer o redondo mais desta volta optamos por elaborar un mollo a partir doutro dos nosos produtos preridos, os cogomelos! A combinación non podía ter outro resultado, exitoso!

Redondo con mollo de cogomelos

Ingredientes:
  • 1 redondo de tenreira (este pesaba 2kg)
  • 3-4 cebola
  • 1 cabeza de allos
  • 300 gr de cogomelos
  • 1 vaso de auga
  • 1 vaso de viño branco
  • 1 vaso de brandy
  • 1/2 vaso de viño doce
  • Sal e especias (estragón, tomillo, alfábega e pementas variadas moídas)

Elaboración:

Para comezarmos este delicioso prato temos de dourar o redondo. Para iso, quentamos a pota (lume alto: 9-10) en que o imos facer e colocámolo sen nada de aceite. Temos de darlle volta para que se sele por todos os lados.


Cando estea dourada a carne, botamos as cebolas e os allos picados -nós non os picamos moito porque trituramos o mollo ao final, mais se non o ides triturar cortádeas finamente-, así como, o viño branco e o doce, o brandy, o sal e as especias. 


Tapamos a ola e deixamos cociñar a lume medio (6-7) durante, aproximadamente, 2 horas. Temos que ter en conta que lle hai que dar volta á carne para que se faga por todos os lados e mover un pouco o mollo de cada pouco. 


A continuación, e cando o redondo estea feito, trituramos o mollo e volvémolo botar na pota. Da mesma forma, cortamos a carne en toros e colocámola sobre a salsa e engadimos os cogomelos laminados.





Cociñamos 15-20 minutos máis a lume medio (6-7) e xa estaría lista para comer.  


Non vos está abrindo o apetito? A min desde logo que si. Xa só volvendo ver as fotos fáiseme a boca auga. Para a próxima celebración que vos coincida, acordádevos deste prato xa que vos aseguro que será un éxito. Iso si, estade atent@s ao tempo de cocción, é moi importante que a carne non vos quede dura nin branda de máis.
Ben, pois aquí vos queda unha idea máis para os vosos momentos de cociñar. Espero que a desfrutedes. Que aproveite!!!

4 comentarios:

  1. Si, a carne máis rica do mundo mundial!! Na miña casa non falla en ningunha festa :-)))))))))))))))))))))) Beixiños!

    ResponderEliminar
  2. El redondo es la carne que siempre hacia mi madre y con esa salsita tiene que estar deliciosa, bicos

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Tamén é un dos pratos estrela da miña... hahaha!
      Unha aperta!

      Eliminar