venres, 9 de maio de 2014

Torta xenovesa de amorodos

Como avoa estaba de aniversario e gusta bastante das larpeiradas, púxenme a pensar nunha torta para o celebrarmos e din con esta idea, unha torta xenovesa, que optei por facer de amorodos, a miña froita preferida.
Polo nome xa imaxinades o lugar de orixe, a cidade de Genoa, en Italia. Unha xoia da repostería que se converteu nun clásico curiosamente en Francia máis do que no país transalpino. A pesar do que poidamos pensar pola apariencia e tamén polo sabor, este doce resulta menos calórico que outros moitos por ser elaborado sen aceite nin manteiga. Recordade iso si, que ao non levar estes ingredientes non aguanta tanto tempo, aínda que non creo que teñades problema con iso porque voará nuns minutos. Así que hai que aproveitar esta reducción de calorías para poñernos as botas :-)


Torta xenovesa de amorodos


Ingredientes:


Para o biscoito:
  • 4 ovos
  • 125 gr de fariña
  • 125 gr de azucre
  • 1 cullerada de esencia de vainilla
  • Reladura de limón
Para o recheo:
  • Marmelada
  • Auga
  • 400 ml de nata
  • 4 culleradas de azucre
  • 400 gr de amorodos
  • Colorante fucsia (opcional)
Para a decoración:
  • 3 amorodos
  • Azucre glas

Elaboración:


En primeiro lugar, temos de elaborar o biscoito debido a que ten que estar frío para o reencher. Ao baño maría, montamos os ovos co azucre cun batedor eléctrico durante 5 minutos aproximadamente. Pasado ese tempo, retiramos a cunca e batemos 2 minutos máis para que enfríe.




De seguir, incorporamos a fariña peneirada pouco a pouco, a reladura de limón e a vainilla.



Enfornamos a 180º, calor abaixo e ventilador, durante 30 minutos. Deixamos enfriar e desmoldamos. 




Abrimos o biscoito á metade cun coitelo ou cunha lira, e emborrachámolo cunha pouca de marmelada de amorodo diluida en auga. Reservamos



Para o recheo, temos de montar a nata co azucre. Cando a nata estea preparada, engadimos os amorodos, cortados en anacos. Se queremos ter unha cor máis intensa, agregamos unhas pingas de colorante fucsia e, de novo, mesturamos ben. 





Chegou a hora de montar a torta! Colocamos a base do biscoito na fonte en que a imos presentar e repartimos todo o recheo sobre ela. Cubrimos coa outra parte do biscoito e peneiramos por riba o azucre glas. 



Para finalizar, colocamos os amorodos cortados en lascas por riba, enfriamos durante 2 horas, como mínimo, e perfecta para comer!


Aquí pouco durou... e supoño que se vos atrevedes a facela vos pasará o mesmo porque resulta moito máis lixeira que outras tortas, sen perder nin o máis mínimo sabor. Esta é unha das sensacións máis sorprendentes desta torta, polo que se celebrades un aniversario á noite resulta perfecto para non irdes coa panza chea para a cama. Se tedes tempo nesta finde, recoméndovos que probedes a facela, e despois xa nos contades vós o boa que está! ;-) Desfrutádea!!!

2 comentarios:

  1. Hola wapa muchas gracias por la visita me ha encantado venir a conocer tu blog, la tarta tenia que estar de muerte relenta no lo siguiente seguro que a la abuela le encanto .
    Es una pena que no pueda llevarme un trocito por que me encantaria seguro.
    Bicos mil y feliz finde .

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitísimas grazas polo teu comentario e tamén pola túa visita. A verdade é que a torta estaba deliciosa e comeuse rapidamente, haha!
      Unha aperta e bo finde :D

      Eliminar