E hoxe traémosvos un clásico gastronómico que nos encanta e que seguro que a vós tamén, unhas croquetas caseiras. E nesta ocasión feitas dun dos produtos que máis gustamos, os cogomelos o que deu lugar a un prato exquisito! Non seguimos a consigna de Suso de Toro, cando nos dicía no innovador texto de Polaroid, "Galicia, esa merda", ¡fagamos croquetas coa momia de Castelao!", non, optamos por algo máis saboroso, hehe.
Cando vos apeteza este prato, recoméndovos non irdes até a primeira tenda de conxelados senón dedicarlle un pouco de tempo elaborardes unhas ao voso gusto. E ficarán moito máis saudábeis! Aí vos vai unha moi boa receita!
Croquetas de cogomelos
Ingredientes:
- 1 cebola
- 15 cogomelos
- 40 gr de fariña, máis extra para empanar
- 500 ml de leite
- 1 ovo
- Pan relado
- Aceite
- Pementa moída
- Sal
- Especias ao gusto
Elaboración:
Para comezarmos, temos de rustrir a cebola picada en dúas culleradas de aceite. De seguir, engadimos os cogomelos, tamén cortados en anacos. E agregamos sal, pementa moída e as especias que máis nos gusten; nós botamos ourego e estragón.
A continuación, cando os cogomelos e a cebola estean feitos, botamos a fariña e remexemos ben. De seguir, engadimos o leite (a cantidade é aproximada, pode variar un chisco), pouco a pouco, até obter unha masa que se despegue da tixola. Botamos a mestura nun prato, tapámolo con papel transparente e refrixeramos durante 4-5 horas.
Pasado ese tempo, facemos as croquetas, neste caso nós démoslles forma de boliñas, e empanámolas pasándoas por fariña, por ovo batido e por pan relado.
Para finalizar, fritímolas en abundante aceite e pasámolas a un prato cun papel absorvente, para eliminar o exceso de aceite.
E xa estarían listas para comer! Tede en conta que frías tamén están boísimas, polo que son perfectas para levar de excursión ou para comer no campo!
Para min é, sen dúbida, unha das mellores opcións para facerdes croquetas, e mesmo sorprenderon a quen non gusta moito das croquetas caseiras... Iso si, podedes non apreciar tanto os cogomelos coma min, polo que tedes mil alternativas para escoller (xamón, polo, cimóns, calquera peixe...) e seguro que sairán perfectas. Estas desde logo que si, a min pouco me duraron no prato :-) Desfrutade destas saborosas croquetas lambisqueir@s!
Este comentario foi eliminado polo autor.
ResponderEliminar