xoves, 30 de xaneiro de 2014

Selva negra con fondant

Hoxe é un día especial, o blogue cumpre 1 mes!! Que felicidade! Témosvos que agradecer o grande apoio que estamos a recibir, tanto aquí coma nas redes sociais. E para o celebrar traémovos esta torta, a nosa preferida, unha outra versión da famosa Selva negra e recuberta con fondant cun lixeiro sabor a limón, que a fai moi fresca, polo que se pode comer un cachiño máis grande sen quedar tan fart@s ;-);-)

Ingredientes:
Para o biscoito (para un molde de 30 cm):
  • 85 gr de manteiga en pomada
  • 6 ovos
  • 175 gr de azucre
  • 125 gr de fariña
  • 50 gr de cacao en pó
  • 1 culleriña de vainilla
Para o recheo:
  • 700 gr de nata
  • Azucre ao gusto
Para a decoración:
  • Fondant de cores
Elaboración:

Para o biscoito:
Debemos pór os ovos e o azucre ao baño maría e bater até a que mestura branquee e espese un pouco. Retiramos do lume e batemos 5 minutos máis. Engadimos o cacao e a fariña e, cando estean integrados, incorporamos a manteiga e a vainilla. Botamos no molde e enfornamos a 180º (con calor arriba e abaixo co ventilador) durante 40 minutos.































Deixamos que arrefríe e despois cortámolo cunha lira, ou un coitelo, en 2 ou 3 partes, segundo vos apeteza.


A continuación, emborrachamos o biscoito cunha pouca de marmelada disolta en auga. Colocamos a primeira capa do biscoito na fonte en que o imos presentar, botamos unha capa de nata, que temos de montar previamente co azucre, e cubrimos con outra capa de biscoito; de novo, repartimos outra de nata e tapamos coa última do biscoito. Recubrimos toda a torta cunha capa moi fina de nata para que o fondant se pegue mellor.















Aparte, nunha mesa, ou nunha superficie, empoamos con azucre glas e estiramos o fondant coa axuda dun rolete e colocámolo sobre a torta.


 Despois con fondant de diferentes cores imos decorando ao noso gusto, nós fixemos bolboretas e flores, con cortapastas e pegámoas mollándoas cunha pouca de auga.  Refrixeramos unha hora, polo menos, e xa está lista para comer! Esta si que é unha lambonada en toda regra!!! Seguro que a desfrutades moito!!! E de novo grazas pola xenial acollida neste primeiro mes :-) :-)

4 comentarios: