Amosando publicacións coa etiqueta youtube. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta youtube. Amosar todas as publicacións

sábado, 27 de maio de 2017

Tortaleta de choconata

Bolboreteir@s, imos rematando maio e achégase o verán aínda que a nós aínda nos queda a etapa de máis apuro, mais sempre cumprindo con este blogue que tanto nos leva dado. Hoxe continuamos co noso afán de inzar a rede de vídeos en galego, concretamente de vídeos gastronómicos e presentamos unha outra vídeo-receita, chea de dozura e que podemos alcanzar con moi pouco esforzo.
Desta volta nós preparámola para unha encarga que nos fixeron mais, como non, probamos o que iamos facendo e a verdade é que sobrepasaba as cotas máis altas de sabor pois certos ingredientes mesturados dan o mellor de si.
Sabedes o que nos encanta cociñar mais cando nos metemos coas tortas a verdade é que perdemos a cabeza. Non é comida para todos os días mais unha boa torta é sinónimo de festa, de celebración arredor da maxia que ofrece a gastronomía máis doce.
E despois desta introdución deixámosvos o camiño audiovisual: https://www.youtube.com/watch?v=IdS-l37o9GII , e o camiño da escrita. Agora, ao voso gusto. O caso é que a desfrutedes!


Tortaleta de choconata


Ingredientes:


Para a base:
  • 300 g de galletas
  • 170 g de manteiga
  • 1 cullerada de azucre moreno
  • 1 chisco de sal
  • 1 cullerada de manteiga (para o molde)

Para a crema de cacao:
  • 375 ml de nata
  • 300 g de crema de cacao
  • 200 g de queixo de untar
  • 150 g de azucre
  • 1 cullerada de vainilla

sábado, 18 de marzo de 2017

Crocantes de San Simón e froitos secos

Si, si, si, nova receita aquí! E con vídeo! Que máis pedir para unha fin de semana solleira coma esta?Temos os ánimos polas nubes e isto lévanos a nos pór atrever con todo tipo de creacións gastronómicas. Ademais, xa andamos pensando en coller o tupper e saír ao parque ou praia coa nosa empanada, ensalada ou galletas. Si, si, galletas. Xa non é unha primeira vez que reivindicamos o proveito deste alimento non só na súa versión máis tradicional, doce, senón tamén como petisco salgado. Isto permítenos integrar produtos ben interesantes como fixemos aquí co noso adorado queixo San Simón.
Mais... contámosvos un segredo? Que ían ser o aperitivo da cea e acabaron por ser o prato único e principal. Vaia homenaxe nos demos con esta delicia.
Sempre vos animamos a imaxinardes e xogardes na cociña e estes crocantes de San Simón e froitos secos supoñen a nosa última creación, chea de ilusión e cargada de sabor. Aí vai a última video-receita!



sábado, 4 de marzo de 2017

Albóndegas de quinoa con salsa picante

Sabemos que andades agardando para desfrutar deses sábados de receita e vídeo que traemos dúas veces ao mes. Pois estades de sorte pois hoxe toca video-receita, que ha de gustar a tod@s mais especialmente a aquelas persoas que gustan da cociña saudábel e de superalimentos como a quinoa, que conquistou os nosos pratos hai tempo e agora é un dos recursos máis habituais do noso fogar.
Ademais, despois da tempestade chega a calma, e neste caso a primeira está encarnada nos festíns lambóns que nos demos neste pasado entroido. Toca pois recuperar cuns pratos máis lixeiros e menos pesado sen sacrificarmos o sabor. Iso nunca!
As albóndegas sempre son unha delicia, e conforman un dos alimentos máis clásicos da nosa gastronomía adoitando converterse en especialidade tradicional de moitas familias. Con todo, non reparamos ás veces en que o "formato albóndega" permite ir moito máis alá da carne, aproveitándomonos de produtos ben diversos cos que enriquecer e variar a nosa alimentación. Esta é a nosa opción para hoxe, que nos encanta e vos recomendamos totalmente! A ligazón ao vídeo tédela aquí 😜.

Albóndegas de quinoa con salsa picante



Ingredientes: 



  • 200 g de quinoa cocida
  • 1 cenoria
  • 1/2 pemento (vermello, verde)
  • 1/2  cebola
  • 1 cullerada de salsa de soia
  • Pementa moída
  • 1 ovo

sábado, 21 de xaneiro de 2017

Patacas "fritas" saudábeis

Sorpresa neste sábado completamente invernal. A xornada estavos para ficar na casa, coller a manta, realizar esas lecturas que tanto nos apetece e levar á práctica algunha desas receitas que tiñamos anotada para un día como o de hoxe. Mais... tamén apetece un novo vídeo de Bolboretas no bandullo, non é? Pois si, parece que vai día ideal para visualizarmos esta nova receita no Youtube, unha das nosas preferidas desde hai moito tempo pois revolucionou a nosa cociña desde que a descubrimos. E por que sendo simplemente unhas patacas "fritas"? Pois sabéndomos que en practicamente todos os fogares se comen patacas un par de veces, canto menos á semana, e téndomos en conta que talvez sexa un dos produtos máis calóricos da nosa alimentación habitual, resulta moi relevante mudarmos a súa preparación en beneficio da nosa saúde.
E non pensedes que vos hai que facer moita cousa... Botádelle unha ollada ao vídeo e á receita que aquí deixamos escrita e veredes que non ten moito conto. Mais si, os beneficios son evidentes. E o sabor? Pois deixámosvos que iso nolo digades vós. Por aquí xa houbo amig@s que se sumaron á moda das patacas saudábeis e non voltaron ás "normais". E vós? 




domingo, 8 de xaneiro de 2017

Pasteliños de patacas e nabizas

Bolboreteir@s, chegou o día da estrea!! Neste domingo de despedida de Nadal hai motivo de ledicia pois ábrese, por fin, unha canle de receitas en galego, cunha primeira videorreceita da que aquí vos queda a explicación e desenvolvemento escrito. Démoslle varias voltas á idea mais finalmente decidímonos por estes novidosos pasteliños de patacas e nabizas pois queriamos que a primeira receita fose sorprendente e ao tempo con identidade propia.
Agardamos agora impacientes os vosos comentarios, gústame e subscricións en Youtube pois queremos saber o que vos parece esta primeira creación en vídeo que preparamos con tanta ilusións para vós. Este vai ser un proceso de aprendizaxe en conxunto, ao igual que o do blogue, no que agardamos ir comezando con novas cousas pouco a pouco e traermos receitas ben gorentosas desas que tanto gustades.