Amosando publicacións coa etiqueta espelta. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta espelta. Amosar todas as publicacións

domingo, 17 de maio de 2026

Pan de pasas e noces

Bo día, bolboreteir@s! Como vai? Aquí andamos de novo para vos traer un petisco que tiñamos ganas de preparar desde hai tempo. Este pan de noces e pasas é a nosa opción para este 17 de maio. E por que? Pois estamos relendo a Begoña Caamaño e imaxinamos este acompañante como ideal para os múltiplos banquetes que Penélope ofrece en Ítaca en tanto avanza a trama de Circe e o pracer do azul. O pan nunca faltaba nas cestas destes banquetes e adoitaba asociarse á grandeza do ser humano. Se ben é certo que era un pan máis denso que o que comemos aquí hoxe en día, era un manxar prezado e para o que había persoas (segundo se conta na Odisea) dedicadas a moer o gran para a fariña. 
Non temos constancia de que xa experimentaran con combinacións mais nós vimos este pan de noces e pasas como unha idea fantástica para entreter e sorprender os hóspedes que recibía Penélope. Imos ver que vos parece!




Pan de pasas e noces


Ingredientes: 

  • 400 g de fariña de forza, máis 50 g extra
  • 140 g de fariña de espelta integral
  • 325 g de auga, máis un vaso extra   
  • 25 g de mel
  • 5 g de lévedo de panadaría en po

domingo, 26 de setembro de 2021

Biscoito de espelta con froitos vermellos

Bo día, bolboreteir@s! Como vai a fin de semana? Aquí chegamos en hora de sobremesa traéndovos xa a merenda. Así dá tempo de preparala e que estea lista para papar nun par de horiñas.

Como vos diciamos nunha das últimas receitas, a espelta ten moito éxito nesta casa e sempre hai un par de paquetes desta fariña na alacena. Desta volta pensamos exclusivamente nun almorzo que levase un pouco menos de azucre do habitual polo que aproveitamos os froitos vermellos do frigo (aquí adoita haber arandos porque o peque tolea por eles) e botamos man da panela, en pequena cantidade. 

O resultado, como ides ver, un biscoito substancioso, nada seco e que logra dozura nas froita froita cocida. Xa temos acompañante do café para esta semana! 



Biscoito de espelta con froitos vermellos


Ingredientes:

  • 240 g de fariña de espelta integral
  • 140 ml de aceite de oliva 
  • 180 g de panela         
  • 1 sobre de lévedo en po
  • 4 ovos

domingo, 12 de setembro de 2021

Pizza saudábel (masa con só 2 ingredientes)

Ola, ola!!! Despois dos exitosos vasiños de crema de cacahuete e chocolate do outro día, abrimos agora unha nova xeira de receitas saudábeis. A verdade é que o verán foi unha acumulación de excesos gastronómicos derivados das experiencias e as viaxes así que agora que vai dar comezo o novo curso xa vai sendo hora de reaxustar un pouco. 

Pois ben, a pesar de que ao principio había nesta casa quen tiña dúbidas sobre a presenza do iogur na masa dunha pizza, finalmente tivo que renderse ante a evidencia pois logramos crear unha base con sabor e boa textura (isto é clave unha vez eliminas produtos claves como a auga ou o trigo). O recheo xa sabedes, ten mil e unha opcións e nós optamos desta volta por seguir a liña saudábel da base e dar todo o protagonismo ás verduras. Pois vaia pizza, vaia pizza!!!

A idea recollémola do Instagram de Ohmamiblue e que ben que foi descubrila. Ademais, andabamos xa con moitas ganas de cociñar algo con espelta, que adoramos e agora había tempo que tiñamos aparcada na alacena. A amasar e ao forno con ela! 




Pizza saudábel (masa con só 2 ingredientes)


Ingredientes:

Para a masa:
  • 300 g de fariña de espelta    
  • 300 g de iogur natural
  • Sal (opcional)

Para o recheo:
  • Queixo mozzarella
  • Queixo de cabra

martes, 9 de febreiro de 2016

Pan de espelta

Non é un martes máis nin un martes calquera. Non, hoxe é un dos días de máis festexo en Galiza, e sobre todo un dos días máis larpeiros en que xa entran en xogo todos os manxares logrados nas diferentes casas galegas. Xa sabedes, o primeiro en estoupar por fartura, perde, haha.
Xa coñecedes tod@s as nosas receitas para estas datas, senón, aquí as tedes: Larpeiradas de entroido.
Porén, hoxe xa imos pensando nos días vindeiros, que coma sempre despois do exceso, traerán algunha limitación.
A semana pasada demos cun posto no mercado de Ribadeo de pan tradicional e fariñas, cun moi bo aspecto. Ollando entre a variedade, optamos por facernos coa espelta xa que oiramos falar moi ben dela aínda que nunca probaramos. A premisa era clara. Facer pan, que xa había tempo que non cociamos. Ademais, cremos que resulta o mellor método para comprobar a calidade dunha fariña.
Cun amasado sinxelo, fomos dar a un pan un tanto diferente, que quedou moi ben cociñado e cun sabor un tanto máis doce que o da fariña de trigo. E que ademais presenta ese aspecto compacto e resistente do pan caseiro, que nos permite desfrutar del aínda un par de días despois.
Este cereal de climas duros e fríos, a pesar de ter diferenzas co trigo, tamén presenta glute, polo que non é apto para celíacos. Iso si, ultimamente está alcanzando moita sona por ser recomendábel para o tratamento de diversos problemas de saúde e tamén por ser unha variedade ideal para o cultuivo ecolóxico. Destaca polo alto contido en fibra e por ser rico en proteínas e vitaminas.


Pan de espelta

Ingredientes (para unha bola):
  • 400 gr de fariña de espelta
  • 100 gr de fariña de forza
  • 300 ml de auga
  • 15 gr de lévedo fresco