Bo día, bolboreteirxs! Que tal? Aquí estamos un día máis cunha nova receita espectacular, a famosa pasta "Casa comigo". Este prato viralizouse en TiKToK como unha idea para propoñer matrimonio e, aínda que hoxe xa ten moitas versións, a receita orixinal ten como base tomate seco, allo e parmigiano. Nós adaptámola aos nosos gustos e decidimos engadirlle un toque crocante co tofu e a verdade é que queda deliciosa. Na nosa casa foi un acerto absoluto e seguro que non habemos de tardar moito en repetila.
Aquí vos deixamos coa receita:
Pasta "Casa comigo"
Ingredientes:
- 200 ml de caldo de verduras
- 200 ml de nata para cociñar
- 150 g de tomate seco en AOVE
- Parmigiano
- 2-3 dentes de allo
- Alfábega
- Pementa moída
- Pementa doce
- Ourego
- Sal
Para o tofu:
- Tofu
- Salsa de soia
- Pementa doce
- Ourego
- Pementa moída
- AOVE
Utensilios: unha pota, unha tixola grande, unha tixola pequena, un relador, unha culler de mesturar, un batedor eléctrico e unhas pinzas para mesturar.
Elaboración:
Para comezarmos, temos de preparar a salsa. Para iso, picamos os dentes de allo e os tomates e rustrímolos nun chisco de AOVE.
De seguir, agregamos o caldo, a nata e as especias.
E cociñamos durante 10-15 minutos remexendo de cando en vez.
Pasado ese tempo, trituramos a salsa e relamos o queixo, a cantidade é ao gusto e cociñamos 2-3 minutos máis. Nós puxemos uns 50 g.
Mentres se cociña a salsa, cocemos a pasta segundo as indicacións do paquete e preparamos o tofu. Relámolo e rustrímolo nunha tixola xunto coas especias.
Cando empece a coller cor, agregamos 2-3 culleradas de salsa de soia e seguimos cociñando até que quede crocante. Reservamos.
Cando teñamos todo listo. Mesturamos a pasta coa salsa e cociñamos uns até que se impregne totalmente. É posíbel que teñamos que engadir 1/2 vasiño da auga de cocción.
Servimos acompañada de máis queixo relado, o tofu e unhas follas de alfábega picadiñas.
E xa estaría lista para comer! Agardamos que vos guste e que a poñades en práctica.
Que vos parece? Apetecíbel? Nós gozámola moitísimo e estamos totalmente de acordo en que é un prato perfecto para celebrarmos calquera data especial, xa sexa coa nosa parella, coa familia ou coas nosas amizades, xa que seguro habemos triunfar.
Oxalá vos guste! Lémonos pronto, bolboreteirxs!
Aperta forte!
Ningún comentario:
Publicar un comentario