xoves, 16 de xaneiro de 2025

Galletas de arandos (aptas para BLW, sen azucre)

Bo día, bolboreteirxs! Que tal? Aquí estamos de novo con outra delicia. Desta volta, unhas galletas que fixemos para a peque, sen azucre, con arandos, avea e améndoa, que foi un éxito!
Estas galletas son moi sinxelas de facer e teñen moi poucos ingredientes, polo que non hai excusa para non facelas!
Como vedes, estamos cociñando moito este inicio de ano! Oxalá logremos manter este ritmo. Mentres tanto, aquí vos deixamos con esta idea: 



Galleas de arandos (aptas para BLW, sen azucre)


Ingredientes:

  • 250 g de avea en copos finos
  • 125 g de amendoa picada    
  • 125 g de arandos
  • 3 culleradas de AOVE
  • 1 ovo
  • Reladura de limón

Utensilios: unha picadora, unha cunca, papel vexetal.




Elaboración: 

Para comezarmos, debemos triturar a avea, a améndoa e os arandos. 


De seguir, agregamos o ovo, o AOVE e a reladura. Batemos de novo. 


Sacamos a masa do batedor, facemos unha boliña. Nós tivemos que engadir uns 50-60 g máis de avea (ou podería ser das améndoas picadas), mais iso vai depender da vosa masa, para poder facer a bola. Deixamos repousar 5-10 minutos.


Pasado ese tempo, facemos unhas boliñas e agora temos dúas opcións. Facelas no forno a 180º, calor arriba e abaixo, durante 15 minutos ou na fritideira de aire a 180º durante 10 minutos. Nós, neste caso, fixémolas na fritideira. 


E xa estarían listas para comer! Agardamos que vos gusten e que as poñades en práctica. 


Desta volta, fixémolas para o aniversario da peque e case nin nos deu tempo de sacar a foto que tiñamos unha pequena mamá Noel ansiosa por probalas! E foron un éxito!

                                          

Unha receita moi sinxela e apta para todos os públicos ao non levar azucre. Ademais, podemos usar amorodos, framboesas... ou outra froita que vos guste, ou tamén cambiar a améndoa en po por abelás ou cacahuetes. Podemos xogar cos ingredientes que máis nos gusten. 


Xa nos contaredes que tal vos saíron e incluso podédesnos envíar algunha foto.
Lémonos na seguinte receita!
Aperta forte!


Ningún comentario:

Publicar un comentario