Bo día, bolboreteirxs! Aquí estamos un día máis compartíndovos receitas. Desta volta, presentámosvos a torta que fixemos para o primeiro aniversario da pequena da casa e, como podedes comprobar, aproveitamos moi ben a decoración dos animaliños do bosque.
Decidímonos por esta torta xa que é moi vistosa e sinxela de facer e, aínda que ela non a pode comer (ela tiña as bolachas que vistes na anterior receita), a maioría adoramos o chocolate, iso si, tede en conta que farta moito!, mais, aínda así, houbo xente que repetiu.
Como ides ver, temos unha torta riquísima con moi poucos pasos:
Torta de chocolate framboesas
Ingredientes:
- 1 lámina de masa crebada
- 525 g de nata para montar
- 450 g de chocolate de sobremesas
- 225 g de manteiga
- 1 cullerada de canela
Para decorar:
Utensilios: un molde apto para o forno, nós usamos un de 25 cm, papel vexetal ou de aluminio, uns garavanzos para facer peso, unha pota ou cazo, un garfo e un batedor.
Elaboración:
Para comezarmos, temos de estirar a masa no noso molde, fixádemos que quede un pouco pegada aos bordos, xa que a nós baixóusenos un pouco e despois o recheo desbordouse. Picamos a masa cun garfo e cubrímola con papel vexetal e garavanzos, para que non suba a masa. Enfornamos a 200º, calor arriba e abaixo, durante 15 minutos. Pasado ese tempo, quitamos os garavanzos e cociñamos 5-7 minutos máis até que a masa estea feita.
Mentres arrrefría, colocamos unhas framboesas e reservamos.
Para facermos a crema de chocolate, debemos quentar a nata até que ferva. Apagamos o lume e agregamos a manteiga e o chocolate, en anacos.
Deixamos un par de minutos para que se vaian derretendo e batemos até ter unha crema homoxénea.
Agregamos a cullerada de canela e mesturamos moi ben.
Vertemos a crema sobre a masa crebada e as framboesas.
Refrixeramos durante mínimo, un par de horas, e decoramos con máis framboesas. Nós, como era o aniversario da pequena, colocamos unhas figuras de animais; mais, podedes usar máis chocolate, azucre glas, algún froito seco...
E xa estaría lista para comer! Agardamos que a fagades porque vos vai encantar!
Como vedes, é unha receita moi fácil que se fai nun momento. É ideal cando con xorde algún plan imprevisto e temos que facer algo rapidamente. Para nós, era a primeira vez decorando con bonecos, xa adecuados para tortas, e a verdade é que quedan moi ben e é unha forma de facermos unha decoración vistosa se non somos moi mañosas.
Lémonos pronto!
Aperta forte, bolboreteirxs!
Ningún comentario:
Publicar un comentario