xoves, 30 de xaneiro de 2025

Canelóns de meixela e cebola caramelizada

Bo día, bolboreteirxs! Como estades? Hoxe traémosvos unha receite de pasta, en concreto, uns canelóns recheos, que son espectaculares. Na cea de fin de ano, fixemos unha carne dan saborosa e tenra que se nos ocorreu que poderíamos reencher pasta con ela. E esta receita, aínda que leva tempo facela, merece totalmente a pena. A carne desfaise na boca e, se a xuntas, coa cebola caramelizada... mimá! Unha explosión de sabor! Desta volta, escollemos unha pasta fresca, que tamén estaba deliciosa. 

Este prato é ideal se temos unha comida ou cea e queremos lucirnos diante dos nosos comensais. Asegurámosvos que o tempo na cociña vai ser moi ben recoñecido. Aquí vos deixamos a receita: 



Canelóns de meixela e cebola caramelizada


Ingredientes:

Para a meixela:
  • 1 kg de meixela
  • 500 ml de mostocane
  • 500 ml de caldo de carne
  • 2 cebolas
  • 2 cenorias
  • 2 tomates
  • 1 cullerada de tomate concentrado
  • Allos
  • 1 folla de loureiro
  • Perexil
  • AOVE
  • Pementa moída 
  • Sal

Utensilios: unha pota, unha táboa e un coitelo, unha picadora eléctrica, varios garfos, unha fonte apta para o forno, unha tixola (para a cebola e para a bechamel -aínda que tamén podedes usar unha procesadora).



Elaboración:

Para comezarmos, temos que adobar a meixela con allo, pirixel, pementa moída, sal e aove. Deixamos repousar, se podemos, un par de días no frigorífico. De seguir, rustrimos un par de minutos en dúas culleradas de aove para dourar a carne. Retiramos e reservamos.  



Picamos, moi finamente, as dúas cebolas e as cenorias e rustrímolas na mesma pota que douramos a carne. 


Cando a cebola estea moi brandiña, agregamos a cullerada de tomate concentrado nun lado para que que se torre un pouco antes de mesturala, e remexemos moi ben. 


Engadimos os dous tomates, tamén cortados finamente. E cociñamos un par de minutos. 


Volvemos botar as meixelas na pota. 


Xunto co mosto, o caldo, o loureiro. Tapamos e cociñamos a lume medio-baixo, sobre o número 5,  durante 120 minutos. 


Pasado ese tempo, retiramos a carne para desfacela o máis finamente posíbel. Despois de tanto tempo de cocción faise facilmente con dous garfos. Reservamos. 


Coamos a salsa para deixar só o caldo, esmagando ben as verduras para aproveitar todo ese sabor. E reducimos ese caldo nunha tixola até que sexa máis espeso, máis ou menos, debe ser metade do líquido. 


Mesturamos o caldo de novo coa carne e tamén engadimos a cebola caramelizada. 


Deixamos que arrefríe un pouco a carne e comezamos a montar os nosos canelóns. Collemos as nosas láminas e colocamos parte da carne nun extremo, enrolamos sobre si mesmos. 


Nós fixemos unha bandexa grande chea, aprox. 19 canelóns. Como era moita carne, reservamos unha pouca para reencher uns baos. 


Cubrimos coa salsa bechamel e empoamos con queixo relado, o que máis vos guste. Nós relamos un semicurado. 


Enfornamos a 200º, calor arriba e abaixo, durante 30 minutos e xa estarían listos para comer! 


Agardamos que vos guste e que poñades en práctica esta deliciosa receita. 


Como vedes, facermos estes canelóns leva un pouquiño de tempo máis asegurámosvos que merece a pena cada minuto que empreguedes. Son realmente adictivos e teñen un sabor espectacular. 


Ademais, a nós sobrounos carne e fixemos un par bao caseiro para reencher. Á carne, engadímoslle espinacas, uns champis salteados e unha pouca maionesa allada e, ao igual que os canelóns, combinan moi moi ben. 



Oxalá vos encante! 
Lémonos pronto, bolboreteirxs! 

Ningún comentario:

Publicar un comentario