Bo día, bolboreteirxs! Como vai a volta á rutina? Nós xa estamos desexando que veña o tempo e os días de praia, mais mentres esperamos polo tempo estival seguimos cociñando. Esta receita é un dos grandes clásicos peninsulares, especialmente da zona central e sur. Fixéronse famosas como típica tapa de bar e hoxe en día atópanse en moitos locais, habendo verdadeiros templos das patacas bravas.
A nós o que máis nos gusta da preparación caseira é o nivel de picante, adaptando así ao noso gusto, algo que cando se fala de picante, non é nada sinxelo. Desta volta non as fixemos moi endemoniadas mais queda nas vosas mans a posibilidade de darlles lume!
Patacas bravas
Ingredientes:
- Patacas
- Bataca (opcional)
- 200 ml de caldo de verduras
- 100 g de cebola
- 30 ml de AOVE
- 25 g de fariña
- 1 dente de allo
- 1 cullerada de pemento doce
- 1 cullerada de pemento picante
- Pementa moída
- Un chisco de sal
Utensilios: unha táboa e un coitelo, unha tixola, unha espátula.
Elaboración:
Para comezarmos, debemos lavar e cortar as patacas, e a bataca, en cadradiños. Nós fixémolas na fritideira de aire 25 min a 200º.
Mentres tanto, preparamos a salsa. Para iso, picamos moi moi finamente a cebola e o allo. Podédelo picar coa picadora. Rustrímola até que quede brandiña.
De seguir engadimos os pementos, a fariña e o sal e mesturamos moi ben.
Botamos o caldo e cociñamos até que espese bastante a salsa, coma se fose unha bechamel lixeira.
Botamos sobre as patacas as patacas e a comer!
Agardamos que vos guste e que poñades esta receita en práctica. Hai que asegurarse que os comensais gusten do picante e a disfrutar!
Ningún comentario:
Publicar un comentario