domingo, 2 de abril de 2023

Boniapizza e Berenxepizza

Bo día, bolboreteirxs! Que tal estades? Xa preparados para Semana Santa? Nós desexando ter uns días de descanso e aproveitar para cociñarmos un montón. 
Hoxe traémosvos unha receita con base vexetal á que lles podemos engadir os ingredientes que máis nos gusten. Estas opcións parécennos interesantísimas para os adultos mais sobre todo para os peques ampliaren e variaren a súa alimentación a través dun formato que sempre encanta, o da pizza. 
Tempo atrás xa temos elaborado bases con diferentes verduras trituradas como o brócoli mais desta volta collemos a materia prima directamente e xogamos por riba. Aquí tedes as nosas últimas creacións. 



Boniapizza e berenxepizza



Ingredientes:

  • 1 bataca  
  • 1 berenxena              

Recheos:
  • Salsa de tomate 
  • Cebola 
  • Tomate 
  • Champiñóns 
  • Pavo 
  • Queixo 
  • Atún 
  • Olivas 
  • Ourego 
  • AOVE 
  • Sal

Utensilios: unha táboa e un coitelo e unha bandexa de forno cuberta con papel vexetal. 


Elaboración:


Para comezarmos, temos que lavar moi ben a berenxena e a bataca. Cortamos en lascas e colocámolas nunha bandexa de forno, ou na fritideira de aire, cuberta con papel vexetal. De seguir, salpementamos ao noso gusta e botámosche un chisco de AOVE. 


Se as facemos no forno, prequentámolo a 200° e enfornamos 15-17 minutos. E se as facemos na fritideira de aire, a 200° durante 8-9 minutos. 


Mentres tanto, cortamos a cebola, o tomate e os champis en láminas moi finas. Cando a berenxena e a bataca estean listas, pasamos a formar as nosas pizzas. Aquí temos que xogar cos ingredientes que máis nos gusten: pavo e queixo; tomate, champis e cebola; salsa de tomate, queixo, pavo e champis; queixo, atún e olivas; tomate e atún… nos botamos queixo a case todas e fomos variando. 


Enfornamos de novo, a 200º durante 9-10 minutos máis. Ou na fritideira 5 min. 


Servimos e xa estarían listas para comer! 


Unha comida deliciosa, variada e chea de cores, onde cada un pode escoller cal é a súa “pizza” preferida, ademais de ser moi saudábel. 


Aquí desfrutamos do cociñado e da papatoria en familia así que non podemos máis que recomendar a súa posta en práctica. Aperta forte, bolboreteirxs!


Ningún comentario:

Publicar un comentario