domingo, 10 de outubro de 2021

Biscoito de pexegos e améndoa

Bo día, bolboreteir@s. Como estades?? Chegamos nesta noite de Domingo das mozas (viva o San Froilán!) para vos traer unha outra alternativa para os almorzos ou sobremesas.

Nós, no procura dunha primeira comida do día algo máis saudábel e variada, estamos eliminando os cereais que adoitabamos comprar (azucarados, chocolate...) e no seu lugar adoitamos comer unha froita con café ou biscoito caseiro. Así pois, despois da elaboración do último biscoito, de froitos vermellos, optamos por este cos pexegos como protagonistas. Uns pexegos de final de tempada que chegaron de agasallo dos veciños de Xinzo e que lle tiramos rapidamente proveito. 

Pois ben, substituímos o azucre por mel e contamos con fariña de améndoa que aínda que é bastante máis cara dálle máis sabor a estas receitas. O resultado... aquí!



Biscoito de pexegos e améndoa


Ingredientes:

  • 8-9 pexegos grandes
  • 360 g de fariña de améndoa        
  • 200 g de mel
  • 6 ovos
  • A reladura dunha laranxa
  • Un chisco de sal





Utensilios: dúas cuncas, un molde desmoldábel e papel vexeta. 



Elaboración: 


Para comezarmos, temos de pelar e cortar os pexegos en lascas. Colocámolas no fondo do molde. Nós puxemos na base papel vexetal para que fora máis sinxelo de desmoldar. Reservar. Tentade poñelos o máis pegadiños posíbel para que non se cole despois a mestura. A nós pasounos e afea un pouco o resultado. 


Mesturamos moi ben a fariña de améndoa coa reladura das laranxas e o chisco de sal. Reservamos. 


Noutra cunca, batemos os ovos co mel. 

Até que os ovos dupliquen o seu tamaño. 

De seguir, imos engadindo, pouco a pouco, a mestura da fariña e a laranxa. 

Cubrimos os pexegos. 

Enfornamos a 160º, calor arriba e abaixo, durante 60 minutos, aproximadamente. Tedes que picar cun pau e ten que saír limpo. 

Cando arrefíe completamente, desmoldamos. Como vedes, hai algo da mestura arriba porque se coou entre os pexegos. 

E xa estaría listo para comer! Agardamos que vos guste!



Chegados aquí, temos que dar aviso. É un biscoito húmedo e moi gorentoso mais o sabor a mel nótase e de non gustarvos, teriades que substituílo. De serdes fan deste superalimento, ides gozalo ao máximo. 
Aperta forte, bolboreteir@s!!

1 comentario: