domingo, 26 de setembro de 2021

Biscoito de espelta con froitos vermellos

Bo día, bolboreteir@s! Como vai a fin de semana? Aquí chegamos en hora de sobremesa traéndovos xa a merenda. Así dá tempo de preparala e que estea lista para papar nun par de horiñas.

Como vos diciamos nunha das últimas receitas, a espelta ten moito éxito nesta casa e sempre hai un par de paquetes desta fariña na alacena. Desta volta pensamos exclusivamente nun almorzo que levase un pouco menos de azucre do habitual polo que aproveitamos os froitos vermellos do frigo (aquí adoita haber arandos porque o peque tolea por eles) e botamos man da panela, en pequena cantidade. 

O resultado, como ides ver, un biscoito substancioso, nada seco e que logra dozura nas froita froita cocida. Xa temos acompañante do café para esta semana! 



Biscoito de espelta con froitos vermellos


Ingredientes:

  • 240 g de fariña de espelta integral
  • 140 ml de aceite de oliva 
  • 180 g de panela         
  • 1 sobre de lévedo en po
  • 4 ovos
  • 100 g de arandos
  • 100 g de framboesas
  • 2 onzas de chocolate negro




Utensilios: un batedor eléctrico (ou manual), un molde apto para o forno (nós usamos de 26 cm), unha espátula e unha táboa e un coitelo. 



Elaboración:


Para comezarmos, temos de bater os ovos coa panela. 


De seguir, agregamos, pouco a pouco, o aceite. 


Tamén a fariña co lévedo. Non é necesario peneirar, xa que estamos usando unha fariña integral. 


Agregamos os arandos e as framboesas. 


Tamén o chocolate, ben picadiño. 


Botamos no molde e enfornamos a 180º, calor arriba e abaixo, durante 45 minutos. É posíbel que cando falten 15/20 minutos teñades que tapar o biscoito con papel de aluminio para que non se torre por arriba. Picamos no centro para asegurarnos que estean cociñado. 


E xa estaría listo para comer! 



Agardamos que vos guste e que poñades en práctica esta deliciosa receita. Tede en conta as múltiplas variantes que podedes practicas con toda canta froita teñades pola casa ou que vos gusta máis que esta aínda que a nós encaixaunos moi ben. Forte aperta, bolboreteir@s!


1 comentario:

  1. Que maravilha!
    Passei para desejar uma semana feliz!
    Beijinhos,
    Espero por ti em:
    strawberrycandymoreira.blogspot.pt
    http://www.facebook.com/omeurefugioculinario
    https://www.instagram.com/marysolianimoreira

    ResponderEliminar