Bo día, bolboreteir@s! Despois deses berberechiños saborosos desta semana, metémonos na rutina blogueira para vos traer un recurso para o día a día. En todas as casas temos a pasta preparada para tirar dela unha ou dúas veces á semana así que, como dicimos sempre para este tipo de recursos frecuentes, nós recomendamos varias posibilidades a ter en conta.
E pasta hai moitas formas de a papar para nos quedar unicamente coa pasta con tomate ou pasta bolognesa. A de hoxe havos de interesar moito, especialmente ás persoas amantes das verduras ou tamén ás que queredes integralas na vosa alimentación ou na dos peques.
Fixádevos pois en como aquí entra o brócoli facendo atractivo, colorido e sobre todo moi saboroso o prato.
Pasta con brócoli
Ingredientes:
- 400 g da pasta que vos guste
- 1 brócoli
- O zume dun limón
- 2-3 champiñóns
- 2-3 dentes de allo
- 1 chile
- Pementa moída
- Sal
- Aceite de oliva
Utensilios: unha pota, unha tixola, unha picadora e unha culler.
Elaboración:
Para comezarmos, temos de cocer a pasta segundo nos indique o paquete. Mentres tanto, lavamos e picamos o brócoli.
Reservamos.
Rustrimos os dentes de allo e o chile en dúas culleradas de aceite.
Cando empece a dourar, botamos o brócoli. Cociñamos 5 min.
Botamos o zume de limón e cociñamos 5 min máis.
Agregamos os champis laminado e deixamos que se fagan.
Agregamos a pasta e mesturamos moi ben. Aquí é posíbel que teñamos que agregar un pouco máis de aceite. Empoamos co queixo e xa estaría lista para comer!
Agardamos que vos guste e que mañá pasedes xa polo super para coller o voso brócoli. Nós somos uns tolos desta verdura e papámola de mil e unha formas mais a verdade é que nesta versión deixounos abraiados. Agardando desde xa as vosas impresións. Forte aperta, bolboreteir@s!!!
Ningún comentario:
Publicar un comentario