sábado, 23 de xaneiro de 2021

Galette de verduras

Bo día, bolboreteir@s! Esperemos que esteades todos e todas ben porque cada vez vemos isto en lugares e persoas máis próximas así que casiña, casiña e máis casiña. E claro, aí entra a cociña como pasatempo indispensábel. Ollo, pasatempo de proveito evidente, claro.
Hoxe, xa que andamos algo máis sans ultimamente no gastronómico, traémosvos unha recurso de protagonismo para as verduras que nos gustou moito. As galette son unha especie de galletas típicas da zona da Bretaña francesa con moitísimas variantes e recheas de ingredientes tamén varios, habitualmente salgados. 
Nós creamos esta versión mais podedemos adaptala ao gusto de cadaquén. Et voilá!




Galette de verduras 


Ingredientes: 

  • 1 lámina de masa quebrada
  • 1 tomate
  • 1/2 cabaciña 
  • 1/2 bataca      
  • Queixo feta
  • Queixo relado ao gusto
  • Pementa moída
  • Sal
  • Aceite de oliva 

Utensilios: unha bandexa de forno con papel vexetal, unha mandolina e/ou un coitelo e unha táboa.



Elaboración: 

Para comezarmos, estiramos a masa quebrada e botamos o queixo feta. Temos que deixar os bordos libres. 


Colocamos unha cama da lascas de tomate. 


E cubrimos facendo unha espiral de bataca e cabaciña. Temos de cortar as verduras o máis finas posíbel.


Salpementamos ao gusto. 


Empoamos co queixo relado e regamos co aceite.


Cos bordos que deixaramos libres cubrimos parte das verduras. 


Enfornamos a 200º, calor arriba e abaixo, durante 30 min.


E xa estaría lista para comer!


Agardamos que vos guste! Aquí desfrutámola intensamente e xa a deixamos na listaxe de receitas a repetir con certa frecuencia xa que serve para darlle saída, por exemplos, a esas verduriñas sobrantes de receitas anteriores. A gozala, amig@s!


Ningún comentario:

Publicar un comentario