Ola, bolboreteir@s! Como estades? Nós andamos en modo lambóns e traemos unha receita que vos vai adozar a fin de semana. Especialmente para as persoas que sodes seguidoras das tortitas, pancakes e demais.
Hoxe traemos unha variante inglesa, que a nós nos sorprendeu moitísimo e explicámosvos os motivos. Procurando receitas da cultura británica encontrámonos con isto e dubidabamos se igualarían as tortitas ao modificar algúns ingredientes. E están tan ricas ou máis. Son diferentes a pesar dos parecidos evidentes. Lémbrannos máis ao pan, hai un sabor máis puro da masa e a verdade percíbese nun sabor moi suave que nos conquistou.
Aí van!
Crumpets
Ingredientes:
- 250 g fariña de trigo
- 200 ml de leite
- 150 ml de auga tépeda
- 6 g de lévedo de panadaría
- 1 cullerada de azucre
- Un chisco de sal
- Manteiga
Utensilios: unha cunca, un batedor eléctrico, unha tixola e un cazo.
Elaboración:
Para comezarmos, mesturamos a fariña, o lévedo, a auga, o azucre e o sal.
De seguir, agregamos o leite e batemos até que se integre.
Ten que quedar unha masa líquida e homoxénea. Tapamos e repousamos 1 hora, aproximadamente.
Pasado ese tempo, o lévedo xa actuou e pasamos a facelas na tixola. Botamos un chisco de manteiga na tixola e imos botando a mestura.
Mentres imos facendo o resto, tapamos as que xa temos feitas cun pano.
E xa estarían listas para comer! Podémolas acompañar con máis manteiga, crema de cacao, marmelada... Que homenaxe nos demos. Aperta forte, amig@s!
Ningún comentario:
Publicar un comentario