sábado, 12 de setembro de 2020

Gofres belgas

Ola, ola!! Hoxe chegamos cedo porque así collémosvos coa primeira lectura do día, ideal para facer fame. 

Traémosvos unha larpeirada que adoramos e que resulta ideal para un almorzo ou merenda festiva. Así que... hoxe, sábado, que che parece darte unha homenaxe xa de boa mañá. 

A verdade é que os gofres son destes produtos que incomprensibelmente non comiamos até hai uns anos en que nos deu por probar un e alucinamos. De seguro que a vós tamén vos ten pasado con algo que tiñades marxinado da vosa alimentación até que... guau!

E hoxe imos cunha nova versión desta lambetada. A orixe dos gofres adoita dicirse que é estadounidense mais en Bélxica non están nada de acordo e atribúense a eles o mérito desta creación. Así que o xusto era traer as dúas variantes. Ficaba esta. Aí vai!



Gofres belgas


Ingredientes:

Para a masa de arranque:
  • 200 g de fariña
  • 125 ml de leite
  • 4 g de lévedo de panadaría
  • 1 cullerada de azucre
  • 1 ovo
Para a masa: 
  • 120 g de manteiga
  • 60 g de fariña
  • 2 culleriñas de mel
  • 6-7 culleradas de azucre 
Para acompañar:
  • Crema de cacao
  • Crema kinder
  • Marmeladas
  • Boliñas de chocolate

Utensilios: unha cunca grande, un batedor e unha gofreira.


Elaboración:


Para comezarmos, temos de facer a masa de arranque. Para iso, mesturamos a fariña co leite (morno), o lévedo, o azucre e o ovo. 

                                                            

Deixamos que repouse a masa uns 30 min, aproximadamente. 


Pasado ese tempo, agregamos a fariña e o mel. 


Cando estean integrados, botamos, pouco a pouco, a manteiga, que ten que estar en pomada. Cando todos os ingredientes estean integrados, deixamo repousar 1 hora, aproximadamente.


Agora, estiramos un pouco a masa e imos agregando o azucre, pouco a pouco. 


Repartimos a masa en boliña. Nós pesamos a masa e despois dividimos en 8 boliñas. 


Quentamos a gofreira e imos facendo os gofres. No caso de non terdes gofreira podería tentarse nunha máquina de facer sándwichs. Non é o mesmo, mais podemos obter un resultado interesante. 


Até que estean dourados. 


Podémolos comer así ou cunha crema que vos guste. Nós escollemos marmelada, crema de cacao e abelás e crema Kinder. 


Agardamos que vos gusten e que os fagades. Veredes que delicia. Forte aperta, bolboreteir@s!

3 comentarios:

  1. Que óptima sugestão,...
    Beijinhos,
    Espero por ti em:
    strawberrycandymoreira.blogspot.pt
    http://www.facebook.com/omeurefugioculinario
    https://www.instagram.com/marysolianimoreira

    ResponderEliminar