martes, 14 de abril de 2020

Pasta con gambas ao curry

Bo día, bolboreteir@s! Rematadas as vacacións, toca volver á rutina, non? Ha! Hai que o tomar con humor porque senón faise isto longo. Mais que queda menos!
Hoxe imos cunha das milleiras de posibilidades que nos dá a pasta. Non arriscamos e fomos sobre seguro nesta preparación, botando man de dous produtos principais que casan moi ben e dos que gustamos inmensamente: gambas e curry.
Con esta intensidade, lógrase o obxectivo, que a pasta non fique sen sabor, recibindo moi ben todo o achegado por estes ingredientes aquí incorporados.
Aquí vai a última:





Pasta con gambas ao curry



Ingredientes:

  • Pasta
  • 300 g de gambas
  • 2-3 cenorias
  • 1 tomate
  • 1 cabaciña
  • 1 cebola
  • Curry
  • Pementa moída
  • Sal 
  • Aceite de oliva



Utensilios: unha pota, un escoadoiro, unha táboa e un coitelo, e unha culler. 


Elaboración:

Para comezarmos, o primeiro que temos que facer é cocer a pasta seguindo os pasos do fabricante. 


Na mesma pota que preparamos a pasta, engadimos dúas culleradas de aceite e rustrimos a cebola e os dentes de allo. 



Cando comece a tomar a cor, agregamos a cenoria e a cabaciña reladas. Cociñamos 5 minutos. 



Botamos as gambas. 


E sazonamos co curry, a pementa e o sal. Mesturamos moi ben. 


E, pasados 5-6 minutos, agregamos o tomate, tamén relado. Cociñamos uns minutos máis. 



Por último, agregamos os macarróns e mesturamos moi ben. 


Servimos e xa estarían listos para comer!!



Agardamos que vos gusten aínda que desta volta sabemos que gustando dos ingredientes non hai posibilidade de fracaso. E senón, sempre hai opción de modificalos por outros máis do voso gusto. Forte aperta, amig@s!


Ningún comentario:

Publicar un comentario