sábado, 18 de abril de 2020

Ovos recheos

Bo día, bolboreteir@s! Seguimos con receitas. A verdade é que esta semana puxémonos algo clásicos e preparamos varios platos de tradición na nosa casa e sabemos que en moitas máis, polo que lemos nas redes.
Ben, pois a de hoxe son uns ovos recheos, que sempre funcionan moi ben en calquera xuntanza, tanto como aperitivo ou mesmo como prato principal.
Xa temos preparadas varias versións como esta co surimi como protagonista. Con todo, queriamos optar desta volta por unha das receitas máis elaboradas, a que ten o atún como elemento central.
Vendo como estaban de bos puidemos preparar dúas ducias de ovos mais queda para outra e sobre todo, queda aquí a idea para compartir con vós.



Ovos recheos


Ingredientes (para 3-4 persoas):

  • 7-8 ovos
  • 1 lata de atún grande
  • 1 tomate
  • 1/2 cebola
  • 3-4 culleradas de salsa de tomate
  • Maionesa
  • Sal
  • 1 cullerada de vinagre




Utensilios: unha pota, unha cunca, unha táboa, un coitelo e un garfo. 



Elaboración: 

Para comezarmos, temos de cocer os ovos, en abundante auga cun chisco de sal e unha cullerada de vinagre durante 10-12 minutos. Separamos xemas e claras e reservamos. Mentres tanto, mesturamos nunha cunca o atún coa cebola picadiña. 


Engadimos, tamén, o tomate, ben picado. 


Agragamos a salsa de tomate e as xemas. 







Reenchemos as claras coa mestura anterior. 


Cubrimos cunha pouca maionesa, mellor se é caseira ;). 


 Refrixeramos para que estean máis ricos durante, como mínimo, 2 horas, e xa estarían listos para comer!  


Como vedes, non hai opción de fracaso cun clásico coma este. Non sei se xa sodes dos que tedes este prato a man habitualmente, mais senón, é o momento de integralo entre os vosos recursos gastronómicos. Forte aperta, bolboreteir@s. Un día menos!

Ningún comentario:

Publicar un comentario