martes, 7 de abril de 2020

Pan integral Xiao (apto para BLW)

Bo día, bolboreteir@s! Sorprenderavos o nome da receita de hoxe mais é unha brincadeira pois aquí presentamos o primeiro pan que fixemos para o peque da casa.
Como levamos unhas semanas coa alimentación complementaria, que estamos a facer polo método BLW, andamos a experimentar día tras día con novos alimentos. E claro, tiñamos un escollido polo feito de ser un dos favoritos dos pais. O pan. Iso si, ao ser o primeiro queriamos que fose feito por nós para controlar os ingredientes exactos que leva, polo que prescindimos do sal. Polo demais, nada estraño. Tentamos que tivese moito miolo e a codia ben brandiña xa que de momento non temos moitos dentiños para rillar no duro.
Ides ver que este tipo de receita é sumamente sinxela e presta. Ademais, coincide que lle podedes tirar proveito agora que hai tendencia a facer o pan na casa nestas semanas. Unha receita máis para probar.
E que é iso do BLW? Pois o Baby Led Weaning é un sistema de alimentación complementaria, no noso caso ao leite materno, autorregulada polo bebé e no que eles mesmos levan os alimentos que lles ofrecemos á boca usando as súas propias mans. Trátase de alimentos sólidos, non triturados nin en papas, co tamaño adecuado, de maneira que o van comendo xestionando os seus gustos e preferencias. Para saberdes máis, recomendámosvos darlle unha lectura a esta sección ben traballada e interesante da nosa colega Kukinhas (Definición, beneficios e primeiros pasos). 







Pan integral Xiao (apto BLW)



Ingredientes:

  • 450 g de fariña integral
  • 300 ml de auga
  • 30 ml de aceite
  • 1 sobre de lévedo seco de panadaría







Utensilios: unha cunca e unha espátula. 


Elaboración:


Para comezarmos, mesturamos a fariña co lévedo. 



Agregamos a auga e o aceite e amasamos moi ben.


Cando teñamos unha masa homoxénea, facemos unha bóla, deixámola na cunca, previamente engrasada, tapamos e deixamos repousar 45 minutos.










Pasado ese tempo, dividimos a masa en 4 e dámoslles a forma que máis nos guste. Deixamos repousar 45 minutos máis.









De seguir, enfornamos a 220º, calor abaixo e ventilador, durante 25 minutos.


Deixamos que arrefríen un pouco e xa estarían listos para comer!!


Agardamos que vos gusten! Aquí xa podedes imaxinar o que sucedeu, non? Pois que o peque foi desfacendo nel e papando algo tamén pero o que nun principio ía ser para conxelar para ficar para semanas posteriores acabou no bandullo de papá e mamá. Porque si, porque estaba moi bo e porque adoramos o pan feito na casa. Seguro que lle tirades proveito teñades bebés ou non na casa. Forte aperta, bolboreteir@s. Xa queda menos!


Ningún comentario:

Publicar un comentario