sábado, 28 de marzo de 2020

Vasiños de mousse de chocolate con lionesas

Bo día, bolboreteir@s! Xa vistes por aí ese meme de que talvez non estean engordando para logo nos sacrificar. Pois con nós han de estar contentos porque mimadriña, estamos facendo todo un festival de sabores un día si e outro tamén.
Desta volta, tiñamos excusa: o Día do Pai. Ha, como se precisasemos nós unha motivación para facermos unha larpeirada. Ha!
Pois ben, ollando posibilidades pensamos nos vasiños pois había tempo que non faciamos nada do estilo. A partir de aí era cuestión de ter algo de maldade para procurar ingredientes moi doces: trufa, framboesa, lionesas... Nada podía saír mal. E nada saíu mal.
Pero veña, que un día é un día. Non pasa nada. Ben, e dous, e tres... Que confinamento lambón!
Sexa como for, deixamos a idea aquí para que vos deades unha homenaxe desas que non se esquecen. Velaquí vai!




Vasiños de mousse de chocolate con lionesas


Ingredientes:

Para a base:

  • 15-17 galletas
  • 2 cullerada de manteiga
Para a mousse de chocolate:

  • 360 ml de nata
  • 150 g de chocolate fondant
  • 50 ml de leite
  • 30 g de azucre
  • 2 xemas
Para as lionesas:

  • 150 g de nata
  • 130 ml de nata
  • 70 g de fariña
  • 50 g de manteiga
  • 1 cullerada de azucre
  • Aroma de framboesa (opcional)
  • Un chisco de sal
Para a decoración: 

  • Azucre glas
  • Lascas de chocolate


Utensilios: unha picadora, vasos para decorar, unha bandexa de forno e papel vexetal, varias cuncas, unha manga pasteleira, unha pota, unha culler e varias culleres. 

Elaboración:

Para comezarmos, temos de facer as lionesas. Poñemos nunha pota o leite, a manteiga, o azucre e o chisco de sal.


Quentamos a lume medio e, cando comece a ferver, agregamos a fariña de golpe. Remexemos moi ben. 


Cando despegue das paredes, sacamos do lume e deixamos atemperar uns minutos (10 min). E agregamos os ovos, un a un. 


Introducimos a masa na manga.


E, nunha bandexa cuberta con papel vexetal, imos facendo montóns (desculpade, esquecemos a foto) e enfornamos a 190º, calor arriba e abaixo, durante 15-17 minutos. 


Montamos a nata co aroma de framboesa (é o que lle dá a cor).


E, de novo, coa axuda da manga, reenchemos as lionesas. Refrixeramos e reservamos. 



De seguir, preparamos a mousse. Quentamos 60 g de nata coas xema e o azucre até que empece a espesar.






Retiramos do lume e engadimos o chocolate, remexemos até que se desfaga. Reservamos. 




Montamos a nata a punto de neve. 


E agregamos a crema de chocolate, pouco a pouco. 













E montamos os nosos vasos. Empezamos triturando as galletas e engadimos a manteiga derretida. 




Mesturamos ben e botamos unha boa cullerada no fondo do vaso. 


Unha cullerada de mousse de chocolate. 


Dúas lionesas cortadas ao medio. Se as poñedes mirando para fóra, quedarán moito máis bonitas. 



Cubrimos con máis mousse e poñemos unha lionesa enteira. 


Empoamos con azucre glas e coas lascas de chocolate. Nós relamos un pouco de chocolate (en barra). 


Refrixeramos 3-4 horas, mellor unha noite, e xa estarían listos para comer! Semellan moitos pasos mais realmente son sinxelos. Simplemente, temos para nos entreter un cachiño máis que con outras receeitas máis sinxelas que vos fomos presentando por aquí ultimamente. E como tempo estamos tendo... Gozádeas inmensamente e moito ánimo, bolboreteir@s. Xa queda menos!

Ningún comentario:

Publicar un comentario