martes, 17 de marzo de 2020

"Donuts" caseiros

Bo día, bolboreteir@s! Como estades? Aquí estamos tirando de imaxinación para pasar o tempo aínda que co peque faise un tanto máis complexo porque se aborrece rápido. 
Sexa como for, pensamos que este é un bo momento para recuperar a publicación de dúas receitas á semana, tanto para nós como para que vós teñades algo máis de entretemento e ideas para ocupar horas na cociña.
E imos con toda unha receitaza!!! Os donuts son para nós como o summum das dozuras e non vos contamos a desfeita que fixemos cando viaxamos aos EUA... Que perdición. Ben, pois os que nós seguides de hai tempo xa viriades algunha receita similar no blogue, destacando especialmente estas Berlinesas recheas.
Desta volta seguimos a receita da nosa admirada Alma Obregón e os resultados foron impresionantes. De feito fostes moitas e moitos os que nos pedistes as pautas para a elaboración o domingo ao subirmos as fotos a Instagram. Aquí o tedes, bolboreteir@s!





"Donuts" caseiros


Ingredientes:


Primeira masa:
  • 180 ml de leite
  • 90 g de fariña de forza
  • 11 g de lévedo seco de panadaría
Masa:
  • 270 g de fariña de forza
  • 70 ml de leite
  • 60 g de manteiga
  • 9 g de lévedo seco de panadaría
  • 3 xemas 
  • 3 culleradas de azucre
  • Un chisco de sal
  • Aceite para fritir
Cobertura:
  • Chocolate con leite
  • Glaseado: 100 g de azucre glas e 3-4 culleradas de leite

Utensilios: dúas cuncas, unha espátula, unha tixola, papel vexetal, un rolete, un cortador circular grande e outro pequeno, e varios pratos. 



Elaboración:


Para comezarmos, temos de facer a primeira masa. Para iso, mesturamos o leite coa fariña e, despois, engadimos o lévedo. 





Deixamos repousar 15 minutos. 

A continuación, mesturamos a fariña co leite. 


Tamén agregamos o sal, o azucre e o lévedo. 




O primeiro amasado. 


E as xemas. 


Cando todos estes ingredientes estean integrados, agregamos, pouco a pouco a manteiga. 


Boleamos a masa e colocámola nunha cunca engrasada e deixámola repousar 1 hora, aproximadamente. Nós o que fixemos é pasada esa hora, refrixeramos até o día seguinte. 


Pasado ese tempo, a masa duplicou o seu tamaño. 


Estiramos a masa coa axuda dun rolete. 


Facemos as formas. Nós usamos un vaso grande e o bico dunha manga pasteleira. E deixamos repousar, de novo, uns 20-30 minutos. 


De seguir, rustrimos os donuts en abundante aceite. Deixámolos sobre papel vexetal para eliminar o exceso de aceite. 


Facemos as coberturas. Para o glaseado, temos ir engadindo o leite ao azucre glas até ter unha cremiña. Colocámolos sobre unha rella para eliminar o exceso. 





Para os de chocolate, só temos que derreter o chocolate e cubrir con el os roscos. E nós deixamos un poucos sen ningunha cobertura. 


E xa estarían listos para comer!


Non vos dicimos o que duraron porque dá vergoña. Aínda que tamén é certo que eramos catro a almorzar e vaia festín colectivo. Oxalá vos conquisten. Aperta moi forte e ánimo, bolboreteir@s!

2 comentarios: