Bo día, bolboreteir@s! Andamos dando os últimos arreóns do curso, corrixindo exames, calculando medias, pensando na despedida co alumnado... e así queda pouco tempo para a cociña mais como sempre dicimos, comer hai que comer. E máis vale!
Hoxe presentámosvos un petisco sinxeliño, coas olivas como protagonistas aínda que desde unha outra perspectiva. O froito da oliveira é un clásico nos entrantes dos menús festivos de igual maneira que o friame. Con todo, é raro vermos as olivas cociñadas dalgunha forma no menú. Pensámolo e como nós gustamos bastante desta froito, pois decidimos probar a ver que saía. E como ides ver, isto non pinta mal, hehe. Por certo, sabedes que aínda que chegaron a través da cultura grega e mediterránea, as olivas tiveron bastante presenza no pasado na nosa terra. Pensade só a chea de antropónimos e topónimos como Oliveira ou Olveira. Por sorte, desde hai uns cinco anos estanse comezando a recuperar, especialmente por terras de Ourense. De aí os excelentes aceites galegos cos que contamos na actualidade.
Imos alá!
Olivas recheas
Ingredientes:
- Olivas sen óso
- Queixo feta
- Fariña
- 1 ovo batido
- Pan relado
- Pementa moída
- Allo en po
- Ourego
- Aceite de oliva
Utensilios: varias cuncas, un garfo, unha tixola e papel absorbente.
Elaboración:
Para comezarmos, temos de escoar e secar ben as olivas.
Coa axuda dun garfo, trituramos un pouco o queixo.
Imos reenchendo as olivas co queixo, o máis sinxelo é facelo coas mans.
Secámolas, e limpámolas, ben co papel absorbente.
Mesturamos a fariña coa pementa moída, o ourego e allo ao gusto.
Pasamos as olivas pola fariña, o ovo batido e o pan relado.
Rustrímolas en aceite quente, aproximadamente 2 minutos cada unha.
Pasámolas a un prato cuberto con papel absorbente.E xa estarían listas para comer!
Agardamos que vos gusten. Prato humilde e sinxeliño como vedes mais que serve para ofrecer unha alternativa entre os nosos petiscos e un toque de modernidade e, como non, sabor! Agardamos que vos prazan, amig@s!
Moi boa pinta, moi orixinal. Heinas probar!
ResponderEliminarE son moi saborosas ☺️! Xa nos contarás se as probas 😘
Eliminar