martes, 21 de maio de 2019

Outra ensalada de quinoa

Nos últimos anos coñecemos moitos alimentos que se están a poñer de moda debido ás alternativas alimenticias e tamén pola maior preocupación polo coidado culinario. Pois ben, entre todos eses produtos, a quinoa é o noso preferido, de feito no nosa casa gañoulle terreo ao cuscús e mesmo ao arroz e así pois, rara vez falta un paquete de quinoa na alacena.
Este pseudocereal, alén de múltiplas propiedades para o noso organismo, ten un sabor sumamente suave, o que permite un cociñado moi diverso e ademais resulta moi lixeiro.
Desta forma, non vos estrañe que andemos a crear diferentes versións para as nosas ensaladas estivais de quinoa. Aquí vai unha.





Outra ensalada de quinoa


Ingredientes:

  • 250 g de quinoa 
  • 1 aguacate
  • 1 queixo fresco
  • 1/2 pemento vermello
  • 1/2 pemento amarelo
  • 10-12 olivas
  • Dúas culleradas de millo doce
  • 1/4 de vaso de aceite de oliva
  • O zume dun limón
  • Un chisco de comiño
  • Pementa moída
  • Sal

Utensilios: unha cunca, unha táboa e un coitelo, un bote (ou unha cunca e un garfo) e unha culler.


Elaboración:

Para comezarmos, temos de cociñar a quinoa segundo as instruccións. Deixamos que se atempere. 


A continuación, engadímoslle o aguacate, o queixo e os pementos cortados finamente, e as olivas e o millo doce. 


De seguir, facemos o aliño. Unha boa opción é bota o aceite, o zume, o comiño, a pementa moída e o sal nun bote pechado e mover moi ben.









Botámoslle o aliño á cunca coa quinoa e o resto dos ingredientes e mesturamos moi ben.


Refrixeramos 45 minutos/1 hora e xa estaría lista para comer!


Agardamos que vos guste. Polos ollos xa entra con este colorido mais veredes que para o bandullo vai ser tamén unha tremenda alegría. Apertas ben fortes, bolboreteir@s!!

2 comentarios:

  1. Divinisimaaaaaa ademas de saludable y rica ,una pena no estar mas cerca me tendriais dia si y dia tambien a comer .
    Bicos mil wap@s.

    ResponderEliminar