martes, 13 de novembro de 2018

A gastronomía da nosa lúa de mel

Bo día, bolboreteir@s e bolboreteir@s!! Tardamos un pouquiño mais a espera neste caso merecía a pena pois como xa vos informamos nas RRSS, casamos o pasado día 20 de outubro, polo que deixamos repousar o blogue nestas tres semanas mentres estabamos de lúa de mel. 
E para voltar, non se nos ocorría nada máis interesante que un breve artigo gastronómico da viaxe de noivos por New York, Las Vegas (con Ruta 66 e Grand Canón) e Riviera Maya. Tranquis, prometemos traer tamén imaxes dos petiscos da voda e do menú, hehe.
Antes de nada, a pesar de que os EUA non adoitan ter como principal punto turístico o ámbito gastronómico, si iamos con moita curiosidade, téndomos debates caseiros previos sobre que sería o que alí nos encontrabamos. No caso de México as expectativas eran claramente elevadas pois somos fans da comida azteca, aínda que eramos conscientes de que viaxabamos a unha zona moi turística.
Sexa como for, ímosvos traer apenas unha breve mostra destes 17 días pois sería complexo encaixar tanta papatoria nun só artigo, haha. Imos alá!



A gastronomía da nosa lúa de mel



1. Comezamos por New York, cidade raíña da fast-food. Chegamos con moi pouca fame debido ao cambio de hora e á longa viaxe. Con todo, non puidemos resistirnos a ter un primeiro contacto coas hamburguesas a través do Junior´s situado en Times Square. Xa tiramos as primeiras conclusións. As burguers están boas, moi boas; a Coca-cola sabe mellor e os prezos distan moito dos galegos. Con todo, a pesar de optarmos polo clásico da comida rápida, había outras moitas opcións, unha carta ben completa onde escoller. Sorprendeunos tamén o grosor da carne.











Fóra desta recepcións, queremos destacar algúns puntos dos que gustamos e destacar algunhas cuestións xerais.
Como nós tiñamos o hotel no mesmo Times Square aproveitamos para visitar no terceiro día o Ellen´s Stardust Diner. Antes fuxíramos vendo as agrupacións de xente na porta aínda que hai que dicir que avanzan moi rápido. Tamén múltiplas opcións, aperitivos diversos, ensaladas (si, pódese comer saudábel se se quixer, ha!), sandwiches, hamburguesas, pasta... Como vedes na foto, son pratos curiosos e para nada simples aínda que a xenialidade do local está no espectáculo musical mentres se cea, con interacción dos camareir@s-artistas. Unha imaxe moi de filme que se torna real neste espazo e que recomendamos encarecidamente.






















Probamos, por suposto, os hot-dog de rúa, onde as salsas e os cogombriños adquiren un peso específico. Un dos locais a destacar, para levar principalmente, é o Gray´s Papaya, visitado por Obama e outras figuras ilustres dos EUA. Estes cachorros quentes de 1$ teñen a sorpresa no zume de papaia para acompañar, ben sorprendente, aínda que non sabemos se acaba de ser a combinación máis axeitada, haha.


Ollo, que moitos postos, ofrecen estes hot-dogs a prezos elevados, podéndose encontrar ben baratos en diferentes puntos da cidade.


Outro dos sitios recorrentes en Manhattan é Burguer Joint, espazo case que clandestino, que podemos encontrar tras unha cortina dentro do hotel Parker Meridien. Tamén moita xente agardando. Hamburguesas saborosas, sen grandes alardes, nunha ambientación tamén sumamente tradicional.


Talvez o punto máis destacado gastronomicamente na visita a New York fose Chinatown pois levounos a un recóndito restaurante de mal aspecto por fóra. Somos algo precavidos e cando vimos que entraba a policía xantar entramos tamén, haha. Comimos uns dos mellores noodles nunca probados en Tasty Hand Pulled Noodles.












E para nós, a xoia da coroa, está nun produto que raramente consumimos por excesivamente doce e calórico mais que nos conquistou até nos levar a el en diversas ocasións durante a nosa estancia. Os donuts. Comémolos de todo tipo, en postos e en cadeas e dificilmente podemos escoller os mellores. Moi por riba do sabor que nos levabamos no padal. Dunkin Donuts e Krispy Cream . Convertémonos en Homer Simpson por unhas semanas! Non vos dicimos os que papamos... E tamén probamos as típicas tortitas, de novo, unha delicia.












2. Xa nas Vegas, probamos algúns dos buffets dos hoteis que tanta fama teñen como o do Luxor, no que nos aloxabamos. En Las Vegas hai opcións culinarias moi moi interesantes aínda que é certo que non nos cadraron de probar moitas delas. Gordon Ramsey conta aquí con varios locais, a pizzaría Grimaldi da zona veneciana, o mítico Mamas e tamén hai a posibilidade de desfrutar de restaurantes con estrela michelín. Nós, apenas logramos espazo para cear nun dos mellores tailandeses de Freemond Street, a zona vella de Las Vegas. O restaurante chamábase Le Thai, e contaba cunha carta onde tanto os arroces como os noodles eran excelentes.












Nesta parte da viaxe, achegámonos ao Gran Canón a través da ruta 66 mais non tivemos moito para destacar culinariamente. Durmimos nunha vila fermosa chamada Williams, onde foi imposíbel cear ás 21 porque estaba todo pechado, a pesar do bo aspecto dos saloons. Tivemos que recorrer ao inesperado McDonalds. Única opción. Unha cadea similar nos EUA, mais que nos deixou bastante mellor sabor de boca foi o Shake Shack.


3. Por último, visitamos México, concretamente a zona da Riviera Maya. Tivemos a sorte de recibir unhas leccións gastronómicas nada máis chegar do condutor que nos trasladou ao hotel, en Tulum e recomendounos encarecidamente a Cochinita pibil, prato típico da zona e do que encontramos similitudes co lacón asado. 
O buffet foi o noso recurso diario ao estarmos nunha cadea hoteleira de piscina e praia, aínda que contaba cunha serie de restaurantes á carta ben interesantes como o Don Pablo, o Portofino ou o Tequilo, o noso favorito, onde entre rancheras degustamos uns tacos e fajitas para relamberse.



















Esquecemos probar o pan de mortos e comprobamos como nos doces botan man, para o noso gusto en exceso, do coco. A froita destila esa intensidade propia de zonas cálidas. 
A verdade é que probamos pratos do máis curiosos nesta parte da viaxe, deixándomos olvidados nalgúns casos mesmo o nome. Por probar, probamos até o tequila, toda unha divindade alá, e que facía parte de toda celebración e excursión.
Ben, xa dicimos que isto daría para case unha tese blogueira así que sentimos pór os límites mais senón vaise das mans, haha. Agardamos que gustedes deste artigo e o que vos recomendamos é que, se queredes saber calquera cuestión arredor disto, nola comentedes, pois quedou moito no tinteiro!
Bo martes, amig@s!

4 comentarios:

  1. Bienvenidos chicos !! me alegra que hayais disfrutado tanto de vuestra luna de miel ,os fui viendo por instagram asi que ya me habeis puesto los dientes largos bien jajaja.
    Una pena que no se pueda meter la mano y catar un poco de todo por que seguro que todo esta de rexupete.
    Por cierto me encanta la ultima foto de vosotros con los coches son una cucaaaaada.
    Bicos mil wap@s.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Mil grazas! Sii, xa estamos de volta e estámonos poñendo ao día coas publicacións! Temos que pasar polo teu blogue a ver que marabillas temos 😘

      Eliminar