sábado, 17 de novembro de 2018

Arroz frito estilo thai (Khao Pad Kung)

Bo día, bolboreteir@s!! Xa vistes onte nas RRSS a grande nova que agardabamos esperando: "Cociñando con Bolboretas no bandullo" xa está á venda en todas as librarías do país! Que gran nova! Nesta próxima semana traerémosvos un artigo comentando todos os detalles arredor deste libro para peques e non tan peques e xa vos adiantaremos algunha data e punto de presentación.
Entretanto, seguimos creando e saboreando! Xa vos temos comentado nos últimos tempos, a nosa paixón pola gastronomía tailandesa e asiática en xeral. Non faltou a visita a Chinatown en New York e o goce dun arroz frito tradicional, similar ao que hoxe vos presentamos aquí. 
O Khao Pad Kung é un dos arroces preferidos polos tailandeses/as e tamén polos turistas. Para nós canto menos si, por ese engado que lle ofrecen lagostinos. Tentamos aproximarnos en boa medida á receita orixinal. A ver que vos parece!



Arroz frito estilo thai (Khao Pad Kung)



Ingredientes:


  • 300 g de arroz
  • 1 l de caldo de peixe
  • 10-12 lagostinos
  • 3 ovos
  • 2 cenorias
  • 1/2 cebola
  • 2-3 dentes de allo
  • Salsa de soia
  • Pementa moída
  • Sal
  • Aceite de oliva


Utensilios: dúas tixolas, unha culler de pau e un coitelo. 



Elaboración:


Para comezarmos, temos de cocer o arroz co caldo de peixe seguindo as instrucións do fabricante. O noso era basmati e usamos 3 partes de caldo por unha de arroz e cocímolo 14 minutos. Reservamos. 


Nunha tixola, con dúas culleradas de aceite, rustrimos a cebola e as cenorias, ben picadas. Reservamos. 


No mesmo aceite, rustrimos, tamén os lagostinos, cortados ao medio. Reservamos, de novo. 



Engadimos un chisco máis de aceite e fritimos os ovos. Cando comecen a coller cor, rompémolos coa axuda da culler. 



De seguir, botamos os dentes de allo ben picadiños. 


Agregamos tamén, as verduras e os lagostinos. 


E o arroz. Mesturamos moi ben. 




Botamos dúas ou tres culleradas de soia e remexemos. 


Servimos e xa estaría listo para comer! 


Agardamos que vos guste e que o poñades en práctica! 


Por aquí babexamos só de pensar na súa degustación unha outra volta. Vedes que non ten complicación ningunha. Se quixerdes seguir un probatura máis fiel aínda podedes acompañalo de lima e cogombro, aínda que nós desta volta deixámolos á marxe.
Na verdade, había tempo que non gozabamos dun arroz tan saboroso. E iso que vos diciamos da deliciosa experiencia en Chinatown.
Agora é o tempo de probades! A por el! Forte aperta, bolboreteir@s!

Ningún comentario:

Publicar un comentario