martes, 18 de setembro de 2018

Mini quiches de pavo e verduras

Bo día, bolboreteir@s! Como vai a semana? Aquí andamos de adaptación á rutina, ben pracenteira, tanto co blogue como co regreso ás aulas. Pouquiño a pouco iremos collendo o ritmo con receitas de moi diverso estilo. A de hoxe pertence a esas das que tanto gustades por sinxelas, rápidas e con moi bo resultado tanto na apariencia como no gustoso, que é o que máis nos interesa.
O quiche é unha torta salgada de orixe francesa que nos conquistou xa hai tempo co ovo e as verduras como protagonistas.Aquí vos recordamos o Quiche de espinacas e xamón que tan bo sabor de boca deixou.
Pois desta volta optamos polo tamaño mini botando man dun molde de madalenas. O resultado foi... Ben, xa o ides. Gozádeo!




Mini quiches de pavo e verduras



Ingredientes:


  • 12 lascas de pavo
  • 1/4 de cabaciña
  • 1/4 de pemento verde
  • 1/4 de pemento vermello
  • 2 queixiños frescos
  • 2 ovos 
  • Aceite de oliva
  • Pementa moída
  • Sal

Utensilios: un molde para madalenas, un microndas, unha cunca, un coitelo, unha culler e un garfo.


Elaboración:


Para comezarmos, debemos picar as verduras moi finamente. 


Engadímoslle unha cullerada de aceite e cociñámolas no microondas durante 5 minutos. 



Mentres tanto, cubrimos os moldes para as madalenas co pavo, utilizaremos dúas lascas para cada oco. Reservamos. 



Batemos dous ovos coa pementa moída e o sal. 


 Engadimos os queixiños ao ovo e mesturamos ben. 


Agregamos os ovos e os queixiños ás verduras. 


Botamos a mestura sobre os moldes forrados co pavo e cociñamos no microondas até que o ovo calle ben. Para iso, cocemos en intervalos de 2 minutos até que o ovo estea ao noso gusto, a nós levounos sobre 7 minutos. 


Servimos e xa estarían listas para comer 😉


Agardamos que vos gusten e que desfrutedes destas marabillosas quiches xa for para vos dardes unha pequena homenaxe gastronómica ou para sorprenderdes aos vosos convidados e convidadas. O éxito está asegurado. Animádesvos? Adiante coa esta lambetada! Lémonos, amig@s!

Ningún comentario:

Publicar un comentario